CulturaCulturaOurenseSen categorizar

Colección de espadas, no Museo Arqueolóxico ourensán

A “Peza do Mes de Xuño” estará adicada a unha serie de armas brancas datadas entre os séculos XVII e XX
Coleccion de espadas modernas (séculos XVII-XIX). Foto: Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense/ Autor: Fernando del Río.
Coleccion de espadas modernas (séculos XVII-XIX). Foto: Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense/ Autor: Fernando del Río.

Un percorrido histórico dende o século XVII ata o XX a través das espadas da colección do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. É a suxerencia desta institución para a Peza do Mes de Xuño, que estará adicada a estas armas. O acto de presentación desta “Peza do Mes” terá lugar o mércores 11 de xuño ás 20:00 h. na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco (Ourense) e nesta ocasión a explicación correrá a cargo dos investigadores Juan Diego Conde Eguileta e Santiago Vilar Labarta.

A primeira das referencias será unha espada roupeira de finais do século XVII, “do final da dinastía dos Austrias. É a época de decadencia do imperio, e da evolución dos terzos cara a un exército máis moderno no que a pica xa no ten lugar no campo de batalla”, sinalan estes estudosos.

De seguido falarán sobre o grupo de espadas do período das Guerras de Coalición (1792-1815), “que abarcan basicamente as guerras contra Francia, tanto a revolucionaria como a do período de goberno napoleónico”. Del forman parte pezas como: a espada de cabalería, a espada de boca de cabalo, a espada de infantaría, a de montar ou o sabre de guarnición “á turca”.

Asemade, xa na etapa de finais do século XIX e principios do XX, sitúanse unha serie de armas brancas “que ben puideron participar, no seu conxunto, na maioría dos escenarios militares da época,coa excepción da espada de cinguir que, ao tratarse dunha arma de parada, non podemos situar directamente nos enfrontamentos militares acaecidos durante esa época”, matizan Conde Eguileta e Vilar Labarta.

O acto de presentación da “Peza do Mes de xuño” concluirá cunha exhibición de esgrima da man destes dous investigadores.

Máis información: www.musarqourense.xunta.es

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button