DeportesÚltima hora

Colleita de medallas valdeorresas no galego máster de atletismo

Destacan cinco ouros, entre eles están os de José Fernández nos 5 km marcha e o de Francisco Bao en xavelina

José Fernández e Francisco Bao, tras competir en Pontevedra./ Foto cedida.

 

Excelente actuación valdeorresa no Campionato de Galicia máster, celebrado o 26 de setembro nas pistas do CGTD de Pontevedra cunha notable participación. Os atletas da comarca sumaban máis dunha ducia de metais, cinco deles de ouro.

Así, o barquense José Fernández Nieves (Real Club Celta de Vigo) facíase co título de campión galego nos 5 km marcha en M-35 cunha marca de 22:33. Destacados tamén era o ouro de José Manuel Bao (Adas) en M-65 no 100m, o de Francisco Bao (Adas) en M-70 na xavelina, ademais conseguía unha prata en peso (4 kg) e outra en disco, mellorando as súas marcas da tempada.

 

José Fernández Nieves no podio, tras proclamarse campión galego máster nos 5 km marcha./ Foto cedida.

 

Os outros ouros con selo valdeorrés viñan da man de Luis Campos (Adas) nos 100 m en M-55, que ademais facíase coa prata nos 200m,  e de José M. Almudi, no martelo M-75, que ganaba a prata en martelo pesado (7,26 kg). Tamén era segundo Ricardo Vázquez (Adas) nos 5.000 m M-45, proba na que o seu compañeiro José Manuel García quedaba quinto nesa mesma categoría.

Ademais, entre outros resultados, quedaban subcampións galegos Pablo Prada (Adas) nos 5.000 m M-35, Ricardo Vázquz (Adas) nesa mesma proba pero na categoría M-45 e Fernando González nos 100 m M-65, que era así mesmo bronce nos 200m.

Fotos cedidas.

 

Francisco Bao, nun dos podios logrados en Pontevedra./ Foto cedida.

Artigos relacionados

Back to top button