EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Colleita histórica na D.O. Monterrei que chega aos 5,7 millóns de quilos de uva

"O estado fitosanitario da uva foi excelente”, indica a presidenta da D.O. Monterrei, Lara Da Silva

Acio de uvas brancas na D.O. Monterrei./ Foto: CRDO Monterrei.

 

A Denominación de Orixe Monterrei finaliza a vendima 2020, alcanzando novamente unha colleita histórica, con 5.717.465,3 quilogramos de uva colleitados. Así a campaña de vendima 2020 vén de concluír con excelentes resultados, logrando por terceiro ano consecutivo un máximo histórico, superando a campaña 2019, ata o de agora a máis exitosa, tal e como se destaca dende o seu consello regulador.

“As condicións climáticas durante a campaña foron excelentes, con escaseza de precipitacións e elevadas temperaturas, o que adiantou o inicio da colleita ao mes de agosto. Isto permitiu a recolección gradual das variedades segundo o seu punto óptimo de maduración. Doutra banda, o estado fitosanitario da uva foi excelente”, indica a presidenta da D.O. Monterrei, Lara Da Silva.

Monterrei iniciaba a campaña de vendima o 27 de agosto, coa adega Pazo das Tapias, e finalizaba o 30 de setembro, sendo as adegas Franco Basalo e Triay as últimas en pechar o período de recolección de uva.

Unha vendima atípica, sen incidencias

A presidenta da D.O. Monterrei tamén quixo destacar que “nos atopamos ante un vendima atípica, que finalizamos por sorte sen incidencias. Desde o inicio da pandemia, para este Consello Regulador a atención, servizo e seguridade do noso persoal, así como dos nosos asociados, foi e é fundamental. Pero prevención e seguridade non está rifado con traballo duro e agora pronto empezaremos outra etapa que se centrará na promoción da nova añada, en busca precisamente de favorecer novas oportunidades de venda aos nosos asociados, que souberon manter a Monterrei en tempos difíciles. O meu maior agradecemento hoxe máis que nunca a todos eles polo seu labor e o risco que asumen para conseguir un rural activo”, conclúe a presidenta.

Artigos relacionados

Back to top button