ConcellosÚltima hora

A comarca da Limia rexistra unha tendencia á baixa nas infraccións penais en 2017

As estatísticas tamén reflicten esa baixa no número de delictos contra o patrimonio pero un aumento das infraccións administrativas
Roberto Castro e Manuel López co-presidiron a sesión.

O Concello de Xinzo de Limia acolleu hoxe, 22 de xaneiro, a reunión da Xunta Local de Seguridade, co-presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, e o Tenente de Alcalde do concello, Manuel López, a na que participaron membros dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e a Policía Local.

Previa aprobación da acta da Xunta de Seguridade do 15 de febreiro de 2017, os representantes das diferentes Forzas e Corpos de Seguridade e Policía Local deron conta dos informes en materia de seguridade que afecta aos concellos de Xinzo de Limia, Os Blancos, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás e Vilar de Santos.

Segundo os datos aportados, as estatísticas indican “unha tendencia á baixa” das infraccións penais rexistradas na comarca de Xinzo en 2017 con respecto ao ano anterior, así como tamén o número de delitos contra o patrimonio. Tamén destacaron o descenso das infraccións penais sen delitos contra a seguridade viaria , e pola contra aumentan as infraccións administrativas “de xeito considerable”, indicaron.

Tras a avaliación dos datos estatísticos, na xuntanza tamén abordaron o dispositivo de seguridade que se vai pór en marcha nas Festas do Entroido; que se concretou cunha planificación detallada de efectivos e medios, debidamente coordinados para que as actividades programadas dentro destas celebracións se desenvolvan como normalidade.

Na xuntanza estiveron presentes diferentes membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e da Policía Local de Xinzo.

Neste eido, Roberto Castro eloxiou “o magnífico traballo que exercen as Forzas e Corpos de Seguridade en sintonía coa Policía Local”, pero precisou que “estes bos resultados non nos deben levar a ser conformistas no noso esforzo a prol da defensa dos dereitos e liberdades dos cidadáns”.

Con respecto ao Entroido, o subdelegado do Goberno, agarda que esta celebración “importante para Xinzo e a súa comarca” siga a servir  de exemplo “de comportamento festivo cívico e cordial, entre todos os veciños e o gran número de visitantes que veñen de fóra”.

Artigos relacionados

Back to top button