ConcellosÚltima hora

A comarca de Monterrei prepara o dispositivo de seguridade para o Entroido

Na Xunta Local de Seguridade deron conta da “tendencia á baixa” nas infreccións penais no 2017
A xunta estivo co-presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, e o alcalde da vila, Gerardo Seoane.

O Concello de Verín celebrou hoxe, 18 de xaneiro, a Xunta Local de Seguridade, co-presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, e o alcalde da vila, Gerardo Seoane, e na que participaron membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e da Policía Local. Tamén estiveron presentes o Tenente de Alcalde do Concello, Diego Lourenzo, e a concelleira de Tráfico e Seguridade Cidadá, Cándida Couñago.

Previa a aprobación da acta da Xunta de Seguridade do pasado ano, os representantes das diferentes Forzas e Corpos de Seguridade e a Policía Local foron dando conta dos informes en materia de seguridade cidadá.

Segundo especificaron, os datos que reflicten as estatísticas amosan “unha tendencia á baixa” na totalidade de infraccións penais en 2017 con respecto ao mesmo período do ano anterior. Concretamente, ese descenso vese reflectido “de xeito significativo” no apartado dos delitos, aínda que tamén as faltas diminúen levemente. Tamén constataron un lixeiro descenso nas infraccións penais en delitos contra a seguridade viaria e, pola contra, aumentan as infraccións administrativas “de xeito notable”. O índice de esclarecemento, tanto en delitos como faltas, mantén uns niveis “moi altos”.

Outro dos puntos destacados na orde do día foi a de supervisar todos os elementos que atinxen ao dispositivo de seguridade cidadá que se establecerá no Entroido e que comporta “unha colaboración permanente” entre a Policía Local de Verín e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

O subdelegado do Goberno interesouse polo miúdo polas actividades lúdico festivas que se porán en marcha durante a celebración do Entroido e animou aos veciños “a participar de maneira cívica destas festas tan importantes para Verín, e para Galicia”. Castro reiterou que os cidadáns “debemos de ser exemplo de hospitalidade e confianza, como sempre fixemos, aos milleiros de persoas que por estas datas virán gozar dunha festa senlleira e única”.

Artigos relacionados

Back to top button