OurenseÚltima hora

A comarca ourensá terá doce novas sendas peonís nun ano

A Xunta anunciou que o custo do proxecto será de 227.000 euros
José Araújo, Marisol Díaz e Francisco Menéndez.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez; a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, e concelleiro de Infraestruturas e Medio Ambiente do Concello de Ourense, José Araújo, mantiveron hoxe, 2 de maio, unha xuntanza na que falaron da licitación da redacción do proxecto de construción das sendas peonís e ciclistas na comarca de Ourense, que aparece publicada hoxe no DOG. O contrato, cun prazo de execución de 12 meses, consta dun orzamento de preto de 227.000 euros.

Francisco Menéndez explicou que a Xunta agarda que os primeiros proxectos estean redactados a finais deste ano ou principios do vindeiro, de xeito que se poida iniciar en 2018 a licitación dos contratos das obras, que serán cofinanciadas con Fondos FEDER 14/20.

Estas actuacións están enmarcadas no Plan de Sendas de Galicia na comarca de Ourense, onde se executarán 13 novas sendas, que suman 16 km e un investimento de máis de 2,6 millóns de euros. Neste sentido, o director indicou que se redactarán 6 proxectos mediante os que se desenvolverán 12 das 13 sendas seleccionadas no estudio, xa que unha xa se executou a finais de 2016 na estrada OU-402, en Freixendo, no Concello de Toén.

Por parte do Concello de Ourense, Araújo asegurou sentirse agradecido, xa que este anuncio “coa licitación destes proxectos veñen a complementar o Plan de Mobilidade que estamos tratando de consensuar cos grupos políticos para facer de Ourense unha cidade máis saudable e con mellor calidade de vida”.

Mapa das sendas peonís licitadas.

 

Artigos relacionados

Back to top button