EconomíaEconomíaÚltima hora

Comercio e Xunta traballan nun protocolo de reapertura e noutro específico para perruquerías

Estanse a elaborar guías sanitarias e poñerase en marcha unha campaña de divulgación e información de comercio seguro

 

Interior dunha perruquería./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

O comercio galego e a Xunta traballan xuntos nun protocolo para a reapertura e, ademais disto, nun protocolo específico para perruquerías polas súas características especiais.

Onte tiña lugar unha reunión a través de videoconferencia entre representantes do comercio galego, o presidente da Xunta, Alberto Núñez, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde. Na mesma, constatouse a necesidade de que o Goberno central estableza unhas directrices claras para que o sector poida reabrir con garantías, despois das dúbidas xeradas tras a presentación do plan de desescalada o pasado martes.

A xuntanza tamén serviu para dar a coñecer as medidas que a Xunta está a preparar para a implantación dos sistemas de prevención e saúde, incluíndo máis material de protección tanto para os traballadores como para os clientes.

Así mesmo, estanse a elaborar guías sanitarias e poñerase en marcha unha campaña de divulgación e información de comercio seguro. A través dela, enviaranse elementos informativos para colocar nos mostradores de todos os establecementos que levarán recomendacións da Xunta, así como unha campaña en redes sociais, baixo o lema #SeguimosAdiante.

Plataforma Comercio Seguro

Nesta liña, outra medida será a creación da plataforma Comercio Seguro, para que cada comerciante, dun xeito directo e sinxelo, poida realizar un autodiagnóstico en liña que lle facilite unhas recomendacións básicas sobre que medidas sanitarias e de prevención debe tomar no seu negocio. Ademais, facilitarase a formación para os comerciantes sobre temas de protección da saúde.

Sobre a seguridade e a saúde, o titular do Goberno galego e os representantes do comercio coincidiron na necesidade de que o conxunto dos cidadáns sexa corresponsable e extreme as medidas de prevención.

 

Artigos relacionados

Back to top button