A Pobra de BrollónConcellosQuirogaRibas de SilÚltima hora

Comeza a aplicación de palla coa técnica do “mulching” nas zonas máis afectadas polos lumes de Ribas de Sil

Esta técnica permite crear unha cuberta protectora do solo e aplícase cun helicóptero nas zonas de máis pendente e de forma manual nas áreas accesibles a pé

 

Neste mércores veñen de iniciarse os traballos de aplicación de palla (coa técnica coñecida como mulching) nas zonas máis afectadas polos incendios rexistrados este mes no concello lucense de Ribas de Sil. Estes labores lévanse a cabo nas áreas máis danadas, onde se combina unha severidade do lume alta na vexetación e no solo.

A técnica do mulching permite, segundo explica a Consellería de Medio Rural, “crear unha cuberta protectora do solo empregando materiais como a palla de cereais (de trigo, de cebada ou de centeo habitualmente) e aplícase cun helicóptero -helimulching- nas zonas de máis pendente e de forma manual -mulching- nas áreas accesibles a pé”.

Ademais a consellería sinala que “cómpre lembrar que, aínda permanecendo o lume controlado (mesmo antes de darse por extinguido), xa se desprazaron ao lugar os técnicos especialistas do Centro de Investigación Forestal de Lourizán para avaliar os danos ocasionados. Así, constatouse que o solo sufriu un nivel de afección baixo, malia a orografía abrupta e con pendentes acusadas na zona. En gran parte do terreo afectado comprobouse que a boa xestión do monte e a rápida actuación dos medios de extinción axudou a que ese dano fora menor. Isto significa que cando os solos sufriron ese nivel de dano, ningunha das súas propiedades físico químicas foi alterada e a capacidade de que se mobilicen arrastres erosivos de importancia neses solos é moi baixa”.

Nesa avaliación constatouse tamén que o lume provocou o soflamado das copas das árbores, o que derivará na caída das follas que farán de barreira natural e protexerán o solo. Neste senso, tendo en conta experiencias anteriores, esa capa de folla que caerá de forma natural sobre o solo evitará, indica a consellería, “o arrastre de sedimentos en máis dun 95% e ata o 100% cando a cobertura do solo queimado é total”.

Ademais, no recoñecemento aéreo tamén se comprobou a falta de afección das canles dos ríos afectados, o Sil e o Lor, e a falta de conectividade entre estes e a área queimada. De feito, os técnicos observaron que no fondo das vaguadas existe unha barreira natural de vexetación que evitaría calquera arrastre de cinzas aos ríos.

Nesta liña, a vexetación dominante nas zonas afectadas polos lumes de Ribas de Sil son masas de Pinus pinaster maduro, o que augura unha boa rexeneración natural nos vindeiros meses. Doutra banda, na parroquia de Nogueira a maior porcentaxe de superficie afectada foi de matogueiras de breixo, tamén con boa capacidade de rebrote.

Artigos relacionados

Back to top button