En portadaÚltima hora

Comeza a elaborarse o plan de dinamización turística do territorio do Xeoparque Mundial Montañas do Courel

Farase a través dun convenio de colaboración entre as consellerías de Cultura e Turismo e do Medio Rural

 

Os tres concellos (Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel) que conforman o territorio do Xeoparque Mundial da Unesco Montañas do Courel contarán cun plan de dinamización turística. Este traballo realizarase grazas a un convenio de colaboración asinado entre as consellerías do Medio Rural e Turismo e Cultura, dotado cun orzamento de case 30.000 euros. O plan será elaborado polo Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (Cetur) da Universidade de Santiago de Compostela.

A presentación desta iniciativa tiña lugar na tarde do 20 de novembro nun acto, celebrado no Museo Etnográfico de Quiroga, que contaba coa asistencia do presidente deste xeoparque, Roberto Castro (concelleiro de Ribas de Sil), do rexedor de Quiroga e da alcaldesa de Folgoso do Courel, Julio Álvarez e Dolores Castro, respectivamente; así como da directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro;  e do director xeral do Agader, Miguel A. Pérez, entre outras autoridades.

O alcalde de Quiroga abría o turno de intervencións no acto agradecendo o labor desenvolvido polos diferentes axentes sociais para obter o recoñecemento de xeoparque mundial, así como a colaboración entre as diferentes administracións (locais, provinciais e galega) e o gran protagonismo da sociedade civil neste proxecto. “Pero iso non serviría para nada se un proxecto desta envergadura non seguira adiante”, concluía.

Tras o rexedor quirogués interviña en representación de Cetur, Valerià Paül, quen destacaba que a elaboración deste plan conta xa “cunha bagaxe acumulada de traballo no Courel, este vai ser un proceso participativo e en rede que permita dar un salto adiante, para que sexamos capaces de darlle un pulo ao potencial enorme deste territorio”.

A continuación tomaba a palabra o presidente do xeoparque, Roberto Castro, quen expresaba o seu agradecemento ao apoio das consellerías de Turismo e Medio Rural a este plan estratéxico co que se obterá unha “diagnose da situación actual e que marcará unha folla de ruta para lograr o desenvolvemento económico da zona”. Lembraba ademais que o selo da Unesco foi posible grazas á implicación da poboación e á unión das administracións, resaltando que, “a diferenza doutros xeoparques, o noso creouse de abaixo a arriba, grazas ao apoio do GDR, dos concellos e da cidadanía”. Tamén incidía na importancia do plan estratéxico de cara a continuar desenvolvendo esta iniciativa e para superar no 2023 a auditoría dos avaliadores da Unesco.

Para o director xeral do Agader, Miguel Ángel Pérez, este plan “é un punto de partida para xerar riqueza, fixación de poboación e para loitar contra o abandono e para que este potencial poida xerar calquera tipo de actividade económica”. Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, subliñaba o valor do recoñecemento mundial do Xeoparque Montañas do Courel, “temos que mimalo e coidalo, o plan estratéxico vai ser un punto e seguido nese desenvolvemento, supón unha gran oportunidade”.

 

Primeira sesión de traballo cos axentes sociais da zona para elaborar o plan.

 

Ademais o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, pechaba o acto sinalando que “é un orgullo que o primeiro xeoparque mundial de Galicia estea en terra lucense. Isto non se dá por casualidade, senón porque hai unha paisaxe única e un traballo importante para lograr o selo da Unesco, que nos abre ao mundo enteiro. Hoxe dase un paso máis con ese plan estratéxico que marcará as liñas para seguir traballando e potenciando esta zona no futuro”.

O acto de presentación do plan ía seguido dunha primeira sesión de traballo do equipo que elaborará o plan con axentes sociais do territorio.

Visita guiada ao Museo Xeolóxico de Quiroga

Previamente á presentación do plan tiña lugar unha visita guiada por Ramón Vila Anca ao Museo Xeolóxico de Quiroga, inaugurado no 2011. Nela tamén se coñecía o proxecto de ampliación de salas desta instalación cultural que moi pronto será xa unha realidade.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button