ConcellosÚltima hora

Comeza a reforma da cuberta do Teatro Lauro Olmo do Barco

Está sendo realizada pola empresa valdeorresa CUFA e tamén inclúe a rehabilitación da carpinteiría da fachada deste edificio
Montaxe dos andamios para realizar a reforma na cuberta do Teatro Lauro Olmo.

Na mañá do 20 de xullo comezaban as obras de reforma da cuberta do Teatro Lauro Olmo (Casa da Cultura) do Barco. A intervención durará uns vinte días e está sendo realizada pola empresa valdeorresa CUFA, Cubiertas e Fachadas Ventiladas, con sede no Barco.

O proxecto incluirá dúas actuacións diferenciadas. Por unha banda, farase unha nova cuberta con illamento acústico (mediante a instalación de planchas de mineral de la de rocha de 40 mm de espesor, colocada baixo nova cuberta), illamento acústico e hidrófugo (mediante a instalación dun novo panel sandwich formado por dobre chapa e illación térmica e acústica interior de poliestireno extruido de alta densidade) e mellora de evacuación de augas (aumentando e mellorando o canalón de recollida de augas).

Ademais disto, tamén se procederá á rehabilitación da carpinteiría da fachada que dá cara ao Paseo do Malecón. Realizarase un lixado da carpinteiría de madeira existente, retirando as capas de verniz e/ou esmalte en mal estado, así como un selado de xuntas e unións e unha protección da citada carpinteiría mediante aceites especiais para madeiras exteriores.

O alcalde do Barco, Alfredo García, anunciaba esta obra no pasado mes de marzo. O Concello tamén ten previsto reparar a cuberta do edificio multiusos.

 

A obra comezaba na mañá do 20 de xullo.

Artigos relacionados

Back to top button