CulturaCulturaÚltima hora

Comeza a rodaxe de “Los Argonautas”, unha serie con produción valdeorresa que emitirá Clan

A produción de Portocabo e RTVE está subvencionada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades con 350.000 euros e conta coa colaboración da CRTVG

 

O equipo da serie Los Argonautas xa está en Laxe para iniciar a rodaxe desta ficción de Portocabo, cuxo director xeral é o valdeorrés Alfonso Blanco, e Radio Televisión Española (RTVE) dirixida a nenos e nenas de entre oito e 12 anos que se emitirá en Clan. Trátase da primeira produción de imaxe real para esta canle temática destinada ao público infantil, que conta co cofinanciamento de 350.000 euros da Xunta de Galicia, a través da primeira convocatoria do fondo de atracción de rodaxes do Hub Audiovisual da Industria Cultural,

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, visitou esta mañá o equipo de gravación e participou na rolda de prensa de inicio da filmación xunto ao alcalde de Laxe, José Luis Pérez Añón; o produtor da serie e CEO de Portocabo, Alfonso Blanco; o director de Área de Contidos da CRTVG, Fernando Ojea, e mais o director de Contidos Infantís de RTVE, Yago Fandiño.

Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades puxo en valor a capacidade do noso audiovisual “para ser motor da industria cultural e da recuperación económica” ao tempo que salientou a “valía dos equipos artísticos e profesionais” dun sector que dispón dun “importante potencial competitivo e de xeración de emprego.”

Unha aventura diversa

A serie Los Argonautas está codirixida polos realizadores galegos Toño López e Lucía Estévez e conta cun elenco que combina a experiencia de actores e actrices veteranos, como son Federico Pérez e Eva Fernández, co pulo dos novísimos intérpretes Aliyah Fidalgo, Sarela Montes, Brais Sixto, Claudia Pujaldes, Juan Rodríguez, Lúa Varela e Xoel Río.

A trama xira ao redor dun grupo de cinco amigos que vivirá un verán diferente ao verse envoltos nunha grande aventura. Enfrontándose a distintos perigos, descubrirán o valor da amizade, a superación de barreiras, o encaixe das diferenzas, a integración ou a cooperación como clave para o éxito común. A ficción aposta así pola diversidade ao abrir xanelas a comunidades de inmigrantes como é o caso da caboverdiana ou a realidades como a de Olivia, unha nena xorda que non ten problemas en se comunicar cos demais.

A produción de Portocabo entronca coa tradición de grandes clásicos literarios —como O club dos cinco— ou do cinema —como Os goonies—, no que o protagonismo recae na cativada que se ve na obriga de colaborar coas súas amizades para superar perigos e misterios. Los Argonautas, que toma o seu nome do grupo de heroes encabezados polo lendario Xasón da mitoloxía grega, rodarase na Coruña e en diferentes localizacións da Costa da Morte, polo que os seus 20 episodios funcionarán tamén como un auténtico catálogo de promoción cultural cun relevante potencial turístico.

Impulso á produción de cine, vídeo e televisión

Para impulsar a actividade no eido da produción cinematográfica, de vídeo e de televisión tralas consecuencias derivadas da crise sanitaria da covid-19, a Xunta activou o Hub Audiovisual galego, nacido co financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), dentro do eixo REACT-UE de resposta da Unión Europea fronte á pandemia. Así o explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, quen lembrou que a través desta ferramenta o Goberno galego está a realizar “o maior investimento no noso audiovisual da historia” nun período temporal tan concreto: 9,6 millóns de euros entre os anos 2021 e 2023.

Mediante a primeira quenda para a captación de rodaxes convocada ao abeiro do Hub Audiovisual xa se adxudicaron 1,3 millóns de euros, cos que se está a apoiou a gravación de catro proxectos: a longametraxe 13 exorcismos, de Bambú Producciones, e as series Hasta el cielo, de Vaca Films, Rapa e Los Argonautas, estas dúas últimas de Portocabo.

Jacobo Sutil destacou que estas producións implican a creación de 230 empregos, en termos equivalentes anuais, e un retorno económico que superará os 15 millóns de euros, segundo un estudo que está a desenvolver Universidade de Santiago de Compostela para estimar o impacto destas filmacións. No caso concreto de Los Argonautas, calcúlase un un beneficio de 2,6 M€ e a creación de 40 postos de traballo en cómputo anual. O devandito Hub continúa en marcha mediante unha segunda convocatoria do seu fondo de captación de rodaxes, na que xa se insire a nova temporada de Operación Marea Negra, serie galego-portuguesa que Ficción Producciones realiza para Amazon Prime.

 

Artigos relacionados

Back to top button