SanidadeÚltima hora

Comeza a vacinación fronte ao Covid de persoas maiores de 80 anos en Galicia

No caso da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco a vacinación iniciarase o luns 22 de febreiro simultaneamente nos 20 centros de saúde que acollerán esta campaña en toda a provincia

Leopoldo, primeira persoa maior de 80 anos vacinada en Galicia sen estar nunha residencia de maiores.

 

Na Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza vén de iniciarse neste venres a xornada piloto da vacinación fronte ao Covid-19 a maiores de 80 anos de Galicia. Nesta semana, un equipo de 10 traballadores de servizos xerais e un coordinador empezaron a contactar con máis de 34.000 octoxenarios que restan por vacinar na área sanitaria compostelá, e que se sumarán aos máis de 3.000 maiores de máis de 80 anos xa vacinados nas residencias sociosanitarias.

Leopoldo, de 83 anos, vén de ser o primeiro maior de 80 anos que se vacina en Galicia, sen vivir nunha residencia de maiores. Recibía a primeira dose no Centro de Saúde do Milladoiro.

Ademais hoxe están citadas outras 568 persoas en 8 puntos de vacinación para administrarlles a vacina contra a covid. O persoal de enfermería dos 8 equipos de vacinación da área desprazaranse, a partir do luns e de xeito paulatino, aos 16 puntos de vacinación nos que ata o venres da próxima semana citaranse a uns 5.500 usuarios maiores de 80 anos.

O 22 de febreiro, inicio da vacinación na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco

Na área sanitaria ourensá a campaña de vacinación de maiores de 80 anos (cuxa citación xa comezaba a facerse nesta semana) iniciarase o vindeiro luns 22 de febreiro simultaneamente nos 20 centros de saúde que acollerán esta campaña en toda a provincia.

Será levada a cabo polos 11 equipos especiais de vacinación, formados por 22 enfermeiras de Atención Primaria, que xa fixeron fronte a vacinación do mais dun centenar de residencias sociosanitarias e do persoal dos centros de atención primaria e dos tres hospitais, que continuará esta semana.

A vacinación terá lugar nos Servizos de Atención Primaria, incluíndo os seis centros de saúde da cidade e ás cabeceiras de comarca. En concreto, nos Centros de Saúde de Allariz, Bande, O Carballiño, Castro Caldelas, Celanova, Coles, Maceda, O Barco de Valdeorras, Pobra de Trives, Ribadavia, Verín, Viana do Bolo, Xinzo de Limia, Valle Inclán, A Ponte, A Cuña-Mariñamansa, Novoa Santos, O Couto, A Carballeira e A Valenzá (Barbadás).

Segundo as previsións de vacinación por servizos de Atención Primaria, o de Verín será o que conte con maior volume de citacións: 3.150, seguido do de O Carballiño, con 2.968; Valle Inclán 2.881; Xinzo de Limia 2.547; Celanova 2.523; A Ponte 2.437; Novoa Santos 2.395, O Barco de Valdeorras 2.117; A Cuña 2.079; Ribadavia 1.893; A Carballeira 1.787; Coles 1.488; Maceda 1.009; Bande 930; Allariz 926; Viana do Bolo 573; Castro Caldelas 481; e Pobra de Trives 442. (A Valenzá e O Couto están incluídos nos servizos de A Carballeira e Novoa Santos).

Artigos relacionados

Back to top button