En portadaÚltima hora

Comeza a Beltane 2016 en Oca Nova Manzaneda

Cuchufellos, Placeres Solitarios e Doctor Queen centran o apartado musical do festival celta
A banda tributo a Queen.
A banda tributo a Queen.

Dende hoxe ata o domingo día 10 de xullo, a Estación de Montaña Oca Nova Manzaneda acolle a festa Beltane 2016, a segunda edición do festival de orixe celta que inclúe brincadeiros, mercadiño e varias exhibicións (de drons, falcóns e outras aves de presa) amenizadas en todo momento por pasarrúas.

A apertura do recinto terá lugar ás cinco da tarde e xa pola noite a partires das 22:30 horas, a primeira actuación musical. O grupo Cuchufellos de Manzaneda, dará un concerto no marco da xira do seu 25 aniversario. O broche á noite porao a sesión de DJ a cargo de Danzalia, con conxuro da queimada incluído.

Cuchufellos de Manzaneda.
Cuchufellos de Manzaneda.

Mañá, sábado 9 de xullo, abrigase o mercadiño en torno ás nove da mañá con actividades complementarias como unha exhibición de drons e o inicio do torneo Beltane Summer Cup-FIFA 16 que contará entre outros premios, cunha Play Station PS4 para o gañador. Xa pola tarde haberá unha exhibición de danza con aves a cargo de Lía Corax ata chegar á hora dos concretos. Os valdeorreses Placeres Solitarios serán os teloneiros do grupo estrella do festival: Doctor Queen, no que será o único concerto gratuíto da banda na súa xira por Galicia. Para moitos, trátase da mellor banda tributo do mundo, conxugando “un incrible parecido físico coa banda orixinal, cunha impresionante posta en escena onde as voces e o vestiario recrean de forma precisa á mítica banda de Freddie Mercury, Queen”, explican dende Oca Nova Manzaneda. A noite pecharase musicalmente cunha nova sesión de DJ’s a cargo de Danzalia.

Facendo honra ás súas raíces, (para os celtas, a noite de Beltane marcaba o comezo da tempada de verán pastoral, cando as manadas de gando se levaban cara os pastos verdes e as terras de pasto nas montañas), a natureza será un dos ingredientes deste festival, coa previsión dunha ruta guiada de sendeirismo polas Aguilladas, val glaciar con entre 13 e 16 mil anos de anigüidade, e unhas espectaculares paisaxes durante todo o percorrido. A ruta será o domingo 10 de xullo ás 12 horas, trala actuación do grupo de gaitas Trenla. A clausura da Beltane 2016 está prevista para as sete da tarde.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button