ConcellosÚltima hora

Comeza en Verín a recollida de tapóns para axudar a Valeria

É unha nena de 7 anos desta localidade que padece retraso global no desenvolvemento
O alcalde de Verín, intervindo na presentación da campaña que se desenvolverá en colaboración coa Fundación Amigos de Galicia ./ Foto: Concello de Verín.

O Concello de Verín acollía na mañá do 9 de marzo a presentación dunha nova campaña de recollida de tapóns solidarios que pretende axudar a unha nena do municipio. No acto participaban a traballadora social da Fundación Amigos de Galicia, Noelia Romero, e o alcalde de Verín, Gerardo Seoane. Esta campaña irá dirixida a Valeria, unha cativa de 7 anos que padece retraso global no desenvolvemento, hipotonía muscular, manifestacións distónicas leves, ataxia e apraxia oculomotoras.

“Valeria ten dificultades de mobilidade e na linguaxe, e o seu xuízo clínico recoñécelle unha discapacidade do 70%. Actualmente a Seguridade Social non lle cubre ningún tratamento para que poda mellorar a súa calidade de vida, e por ese motivo, a Fundación Amigos de Galicia comenza esta campaña. Con ela a pequeña poderá recibir sesións de terapia ocupacional, fisioterapia e logopedia en Ourense cun custo que ascende a unha cantidade de 890 euros mensuais, unha cifra imposible de asumir para a súa familia”, explican os promotores da iniciativa.

Para levar a cabo a campaña a Fundación Amigos de Galicia conta coa colaboración do Concello de Verín para financiar o custo total, que ascende a unha cantidade de 10.680 euros. O Concello farase cargo do 30% do custo total do tratamento, 3.204€, e a Fundación asumirá o 70% restante a través da campaña de tapóns, segundo se informa dende a entidade municipal.

Son moitos os quilos que fan falta para financiar os custes do tratamento de Valeria, pero dende a entidade espérase unha boa acollida por parte da cidadanía. Os interesados poden atopar os puntos de recollida de tapóns na páxina web da fundación e tamén se anima aos establecementos, colexios e cidadanía ourensá a converterse en puntos de recollida.

Esta campaña enmárcase dentro do convenio de colaboración asinado entre o Concello de Verín e a Fundación Amigos de Galicia para axudar ás familias do municipio en situación de necesidade, dando atención prioritaria á infancia e ás mulleres vítimas de violencia de xénero.

Artigos relacionados

Back to top button