En portadaÚltima hora

Comeza a montaxe dos stands da XX Feira do Viño de Valdeorras

O certame desenvolverase na fin de semana do 15 e 16 de xullo e reunirá a 17 adegas na praza de Viloira
Material para a montaxe da XX Feira do Viño de Valdeorras en Viloira (O Barco)./ Foto: A.R.

Restan aínda catro días, pero xa está en marcha o proceso de montaxe do que será o recinto da XX Feira do Viño de Valdeorras. Así podía comprobarse na tarde do 11 de xullo na praza Otero Pedraio de Viloira (O Barco) que será escenario, por terceiro ano consecutivo, deste evento vitivinícola.

A mostra abrirase no mediodía do 15 de xullo coa lectura do pregón a cargo do actor galego Javier Veiga, a partir de aí o público poderá visitar os stands das 17 adegas participantes e degustar os seus viños. En concreto, terán presenza na feira: O Cepado, A Tapada, Guitián y Blanco, Roandi, Avancia, Cooperativa Jesús Nazareno, Cooperativa Virxe das Viñas, Sampayolo, Quinta da Peza, Viña Costeira, Eladio Santalla, Santa Marta, Melillas, Fornos GRS, Felipe Mayo, O Casal e José González.

O programa deste evento incluirá asemade propostas musicais como actuacións de diferentes charangas, entre elas a Fuego, ou un concerto de Son do Sil, así como un showcooking (ás 20h. do sábado) a cargo do cociñeiro italiano afincado en Ourense Flavio Morganti.

 

A mostra celebrarase os días 15 e 16 de xullo./ Foto: A.R.

O domingo soará de novo o ritmo dunha charanga, neste caso a NBA e pola tarde entregaranse os premios da cata oficial da Feira do Viño, que se celebrará con anterioridade (o 14 de xullo na sede do consello regulador). A Feira do Viño de Valdeorras será organizada polo CRDO Valdeorras en colaboración co Concello do Barco. Asemade terá como limiar os días 13 e 14 de xullo a II Ruta de Pinchos da mostra, en colaboración con AEVA e co Barco CCA.

Máis información:
https://osil.info/godellos-e-mencias-protagonistas-da-ii-ruta-de-pinchos-da-feira-vino-de-valdeorras/
Na edición en papel do Periódico O Sil de xullo

Artigos relacionados

Back to top button