SanidadeÚltima hora

Comeza na provincia a extracción de plasma con anticorpos fronte ao Covid de voluntarios curados

Máis dun centenar de persoas ofrecéronse a participar doando o seu plasma. Delas un total de 34 foron seleccionadas polo Servizo de Hematoloxía do Hospital de Ourense

Exterior do Hospital Universitario de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tras días de estudos e preselección de candidatos, por parte do Servizo de Hematoloxía do Hospital Universitario de Ourense, hoxe veñen de realizarse as primeiras extraccións de plasma con anticorpos fronte a coronavirus SARS-CoV-2, de voluntarios que pasaron a enfermidade, no marco do estudo de investigación que desenvolve a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) co obxectivo de coñecer mellor a Covid-19 e abrir novas vías terapéuticas fronte a pandemia.

Desde o chamamento de voluntarios a pasado mes de maio, máis dun centenar de persoas ofrecéronse a participar doando o seu plasma. Delas un total de 34 foron seleccionadas polo Servizo de Hematoloxía, que realizou unha preselección previa comprobando caso a caso que os ou as doantes reunen os requisitos clínicos do estudo, segundo informa Sanidade.

Entre estes requisitos para a selección é imprescindible que o candidato pasara un mínimo de 14 días desde a súa plena curación, ou de dar negativo nunha PCR, proba diagnóstica que determina a presenza ou eliminación do virus, nas vías respiratorias superiores. Tamén, ademais doutros requisitos, desde o Servizo de Hematoloxía testouse a presenza de anticorpos en sangue, mediante unha determinación de Ac anti SARS-Cov-19 (anticorpos fronte ao coronavirus) dacordo co protocolo definido pola ADOS.

34 voluntarios seleccionados

Os primeiros oito voluntarios seleccionados foron convocados hoxe no local de ADOS no Hospital Universitario de Ourense, onde se lles extraerá plasma, mediante a técnica de aférese, sistema que permite a extracción selectiva dos compoñentes do sangue.

As unidades de plasma obtidas por esta vía serán procesadas pola Axencia, criopreservadas, almacenaranse a -30ºC, o que permitirá alongar a súa vida útil para investigación ou terapia de ata dous anos. Asemade, o plasma de cada doante valídase e etiquétase, atendendo a uns estritos estándares de calidade marcados polo Comité de Seguridade Transfusional do Ministerio de Sanidad, e o seu uso será exclusivamente para investigación da COVID-19.

Artigos relacionados

Back to top button