Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Comeza o congreso internacional sobre San Martiño de Tours

Ata o venres 18 de novembro, expertos de dez países analizarán a figura do patrón de Ourense no 1.700 aniversario do seu nacemento

Soldado romano, monxe-eremita e bispo, San Martiño de Tours foi un personaxe “singular, carismático e de gran proxección internacional cuxa dimensión histórica trascende a súa época (316-397) para facer del un precursor modélico de integración europea, un ideal tan necesario como de extrema actualidade”. Con estas palabras do ourensán Jorge López Quiroga (Universidade Autónoma de Madrid) abríase o simposio “San Martín de Tours y su proyección en la Gallaecia de época Sueva”, o congreso internacional en conmemoración do 1.700 aniversario do nacemento do patrón de Ourense.

Organizado pola Deputación de Ourense, era o propio presidente, Manuel Baltar quen inauguraba, na maña do 14 de novembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel, o evento que reúne ao longo desta semana a expertos de dez países para debater sobre a historia medieval e a evolución do cristianismo en Ourense. Expertos de Estados Unidos, Brasil, Gran Bretaña, Francia, Portugal, Austria e España analizan dende hoxe e ata o venres 18 de novembro, a figura deste santo e a súa influenza na configuración social, política, relixiosa e territorial da Gallaecia da época sueva. Jorge López Quiroga destacou de san Martiño “a súa personalidade e o seu carácter xeneroso e conciliador que non tería entendido de muros nin fronteiras, como acontece na actualidade”.

No acto inaugural, que contou asemade coa presenza do bispo de Ourense, Leonardo Lemos; do vicerreitor do Campus de Ourense Virxilio Rodríguez; e do medievalista Jorge López Quiroga, o presidente do goberno provincial dixo que este congreso “é unha aposta pola identidade ourensá, que posiciona ao noso territorio e supón situar a Ourense con pleno protagonismo neste ano Martiñano, no congreso máis completo sobre esta temática, ademais dos que se organizaron en Bos Aires e Tours, pois contamos con especialistas das mellores universidades do mundo, quen debaterán e achegarán novidades sobre a figura de san Martiño de Tours”. Antes de dar paso a primeiro ponente, Manuel Baltar anunciou para o ano 2017 a organización por parte da Deputación de Ourense dunha exposición titulada Tempore Suevorum “a primeira mostra sobre o primeiro reino medieval de occidente, creado no ano 414”.

A primeira ponencia do simposio correu a cargo de Michel Rouche (Universidade de París IV, París-Sorbona) que falou sobre “Martin contestataire de la Chrérienté romanine“. O programa de hoxe incluía as conferencias de Ian Wood (Universidade de Leeds); Bruno Dumézil (Universidad de París Ouest-Nanterre-La Défense); Francisco José Prieto Fernández (Instituto Tecnológico “Divino Maestro” de Ourense, Universidade Pontificia de Salamanca); e Francisco Fariña Busto (Grupo “Marcelo Macías”); así como as visitas a diferentes puntos históricos e arqueolóxicos da cidade.

Mañá, martes 15 de novembro, o congreso desprázase ao Liceo contando coas ponencias de Walter Pohl (Viena); Luis A. García Moreno (Universidad de Alcalá ); Tivadar Vida (Budapest); Christine Delaplace (Caen); Miljenko Jurkovic (Croacia); Pablo de la Cruz Díaz Martínez (Universidad de Salamanca); Alberto Ferreiro (Seattle); e Renan  Frighetto (Curitiba).

Fotos: Carlos G. Hervella

 

Artigos relacionados

Back to top button