En portada

Comeza o cribado de Covid de veciños do Barco e de Rubiá en Calabagueiros

 

Ás 10h. desta mañá vén de iniciarse no pavillón polideportivo de Calabagueiros (O Barco) un cribado de Covid-19 ao que están convocadas unhas 3.000 persoas (de entre 18 e 64 anos) dos municipios do Barco e de Rubiá.

O sistema empregado será o de PCRs, é dicir, distinto ao anterior cribado realizado no Barco no pasado mes de febreiro no que se recurría aos test de antíxenos (que dan o resultado nuns 10 minutos). Isto supón que o resultado da proba non se coñecerá ata mañá, polo que os participantes no cribado non terán que agardar, como na anterior ocasión, dentro do pavillón polo seu resultado.

Para que o cribado se desenvolva con seguridade, o Concello do Barco está a desenvolver un operativo con efectivos da Policía Local, do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) Valdeorras e de Protección Civil do Barco, así como co persoal do pavillón, para que todo transcorra de xeito adecuado no circuíto de entrada é saída ao polideportivo e se manteñan as medidas de distancia persoal e seguridade sanitaria aconselladas.

Os convocados están entrando ao pavillón pola porta da rúa Calabagueiros, e saen, tras facer a proba, pola porta da avenida de Galicia. As colas para a espera sitúanse na rúa de entrada (estendéndose máis alá da zona dos institutos), coa adopción de todas as medidas de seguridade necesarias.

Este cribado desenvolverase ao longo de toda a xornada do sábado. De feito, está previsto que pola tarde ás probas se retomen ás 17h.

Outra das particularidades deste cribado é que, por vez primeira, se abría tamén unha autoinscrición voluntaria a través da web do Sergas.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button