En portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Comeza o cribado de Covid no Barco, ao que están convocadas 2.500 persoas

 

Ás 15h. desta tarde de xoves 4 de xaneiro iniciábase no pavillón polideportivo de Calabagueiros un cribado masivo de Covid-19 ao que están convocados 2.500 veciños do Barco. O sistema elixido para esta mostraxe será tamén, como no caso da Rúa, mediante test de antíxenos, co que os resultados se coñecerán ao momento.Para que as probas se desenvolvan con seguridade, o Concello puxo en marcha un operativo con efectivos da Policía Local, Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) Valdeorras e Protección Civil do Barco para que todo transcorra de xeito adecuado e mantendo as medidas de distancia persoal aconselladas.

Para conseguilo, os convocados entran ao pavillón pola porta da rúa Calabagueiros, e saen, tras facer a proba, pola porta da Avda. de Galicia. As colas para a espera situaranse na rúa de entrada, coa adopción de todas as medidas de seguridade necesarias.

Como vén sendo habitual estes cribados masivos que se están a suceder na provincia, a proba será voluntaria, non si, as autoridades sanitarias solicitan a todos e todas as convocadas que participen, xa que os resultados serán de axuda no control da epidemia, detectando casos asintomáticos, e aportaran información de gran utilidade sobre a tipoloxía dos gromos e as súas vías de transmisión.

Recoméndase asemade seguir as instrucións, en canto a horarios e medidas de protección, e por suposto, non acudir en caso de non estar citados, ou non facelo de estar en illamento por un diagnóstico positivo, posterior á convocatoria, ou gardando corentena á espera do resultado dunha proba.

No exterior do Pavillón estará a Policía Local, e no interior haberá persoal do propio pavillón, así como do GES e voluntarios de Protección Civil.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button