EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Comeza o “Curso de cata de Monterrei ao mundo” en Verín

Esta iniciativa está promovida polo Concello de Verín e pola Uned Ourense coa colaboración da Denominación de Orixe Monterrei

 

Un dos momentos da sesión inaugural deste curso da Uned en Verín./ Foto: CRDO Monterrei.

O “Curso de cata de Monterrei ó mundo” ponse en marcha con 35 alumnos. A primeira das dez accións formativas incluídas neste ciclo impartíase na tarde do 5 de outubro no Museo Claustro Mercedario de Verín, cun acto de apertura que contaba coa presenza do alcalde verinense, Gerardo Seoane; coa presidenta da DO Monterrei, Lara Da Silva; e coa do director do curso, Luis Paadín; ademais de coa do director técnico da D.O Monterrei, Luís Miguel López Núñez, docente do curso.

Nesta primeira sesión incluíanse as actividades tituladas “Variedades de uvas brancas de Monterrei”, “Cata de uvas brancas de Monterrei”, “Cata de mostos monovarietais” e “cata de viños brancos da DO Monterrei”. O programa continuará este sábado 6 de outubro pola mañá, centrándose nas variedades tintas, e explorando as características organolépticas tanto da uva, coma do mosto e finalmente do viño de todas as variedades autorizadas.

Esta iniciativa está promovida polo Concello de Verín e pola Uned Ourense coa colaboración da Denominación de Orixe Monterrei. “A demanda de prazas superou ás 90 persoas, cifra que o Concello considera un éxito, polo que continuará cos dez cursos previstos, e considerará a realización dun novo ciclo especializado na enoloxía tamén o próximo ano”, indican dende o Concello de Verín.

Pola súa banda, a presidenta da D.O. Monterrei destaca “a importancia destas accións formativas destinadas a dar a coñecer “o proceso de elaboración do viño, as características da nosa materia prima e produto final, sentar as bases para unha posible saída laboral ou mostrar o noso territorio, entre outras”.

As restantes sesións monográficas, a desenvolver sempre en fin de semana ó longo de todo o ano serán as seguintes:

• Novembro: Viaxe polas rexións vitivinícolas dos Grandes Brancos de Europa: Galicia & Chablis, Mâconnais, Mosel, Vouvray, Soave, Graves, Alsacia, etc. Impartida por Luis & Alejandro Paadín, catadores do circuíto internacional (Mundial de Bruselas, Cinve, Top Ten, Citadelles, Terra Vino, etc.).

• Decembro: Champagne – CAVA & Escumosos de Galicia. Impartida por Luís Paadín e Alejandro Paadín, Campións de España de Embaixadores de Champagne, Formadores Homologados de Cava.

• Xaneiro: Defectos dos viños. Impartido por dúas enólogas, pendentes de confirmación).

• Febreiro: Maceracións carbónicas: Beaujolais nouveau, Rioja Alavesa, Toro, Tacoronte, Bierzo. Impartida por Luís & Alejandro Paadín, catadores del circuíto internacional (Formadores D.O. Ca Rioja).

• Marzo: Chardonnay do mundo, a uva máis viaxeira & Godello, a branca con alma de tinto. Impartida por Luís & Alejandro Paadín, catadores do circuíto internacional (Mundial de Bruselas, Cinve, Top Ten, Citadelles, Terra Vino, etc.).

• Abril: Cervexas artesanais de Galicia. Impartido por Javier López (experto en cervexas del mundo).

• Maio: Brancos atlánticos, Galicia, Portugal, Asturias, Cantabria e país Vasco. Impartido por enólogo de Galicia (por determinar).

• Xuño: syrah ou shiraz & brancellao ou albarello. Impartido por enólogo de Galicia (por determinar).

Artigos relacionados

Back to top button