ConcellosO BarcoÚltima hora

Comeza o curso de lactación materna para profesionais sanitarios no Barco

Desenvolverase do 14 ao 16 de outubro e está organizado por De Nai a Nai en colaboración co Concello

 

Dende a mañá deste 14 de outubro estase a impartir no Barco o curso “Lactación Materna para profesionais sanitarios, teórico – práctico, Nivel I”, organizado por De Nai a Nai (con axuda de María Elisa Lamelas, matrona do Hospital Público de Valdeorras) en colaboración co Concello. O programa desta acción formativa abríase esta mañá no terceiro andar do Multiusos do Barco tocando temas como a “perspectiva histórica na epidemioloxía da lactación, a importancia do aleitamento para as nais, os bebés e a sociedade; os riscos da alimentación con sucedáneos e a promoción da lactación materna” da man de María Elisa Lamelas.

Posteriormete abordábanse os aspectos anatómicos e a fisioloxía da lactación, indicando as características principais do leite nun relatorio a cargo de Lorena Prada, enfermeira e IBCLC; a utilización das técnicas de comunicación para reforzar a confianza e dar apoio ás nais, nunha sesión de María Elisa Lamelas; e finalmente, nun relatorio de Mirena Granado, matrona do Hospital do Bierzo; a técnica do aleitamento, a colocación ao peito e a avaliación e observación dunha toma para identificar á nai que necesita axuda.

 

 

O programa da mañá incluía tamén unha práctica coa participación das tres relatoras citadas. O curso continuará pola tarde na que se analizarán temas como a estratexia de atención ao parto normal, as necesidades nutritivas da nai que amamanta, así como os problemas que dificultan ou contraindican a lactación, entre outras cuestións.

Esta acción formativa dirixida a profesionais continuará nos días 15 e 16 de outubro. “É un curso moi necesario, xa que as novas familias que acoden á nosa asociación, continúan expoñendo a falta de consenso entre os profesionais sanitarios sobre a lactación materna”, sinalan dende De Nai a Nai.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button