En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Comeza o curso en Infantil, Primaria e Educación Especial

Preto de 18.600 cativos teñen hoxe o primeiro día de clase na provincia de Ourense

Uns contentos, outros non tanto; algúns por primeira vez, pero todos, acompañados e coas mochilas relucintes. Cos últimos coletazos do verán comeza un novo curso escolar e na mañá do 12 de setembro, un total de 18.573 alumnos vivían o primeiro día de clase na provincia de Ourense, menos dun 10% do conxunto galego (197.457 matriculados).

Por ciclos en Educación Infantil, a previsión da Xunta é de 5.632 alumnos. Case o 50% do total corresponde a matriculados na capital seguida en cifras por Valdeorras con 311 nenos e O Carballiño con 279. En Educación Primaria, 12.822 alumnos empezan o curso en Ourense. Uns 8.000 irán a centros públicos e o resto a privados concertados. E con respecto a Educación Especial, o número estimado de matriculados para a provincia (as cifras poden ir mudando ao longo do curso) é de 73 alumnos en centros públicos e 46 en centros privados concertados.

No que respecta aos centros (públicos, privados e concertados) que impartirán clases a partires de hoxe son 111 na provincia, a cifra máis baixa de toda Galicia (121 en Lugo, 362 en Pontevedra e 365 na Coruña): 3 en Educación Infantil, 84 en Primaria e Infantil, 21 en Primaria e ESO e 3 en Especial. Un total de 47 centros son plurilingües, 5 máis que o curso pasado. Un incremento do modelo plurilingüe –que implica a impartición de ata un terzo do horario lectivo en lingua estranxeira– tamén se deixa notar nas diferentes etapas, ata bacharelato e formación profesional. Así mesmo, Ourense suma 20 novas seccións bilingües.

Hoxe comezan tamén a funcionar os servizos de transporte e os de comedor xestionados pola Consellería que subvenciona os menús de máis de 4.000 comensais en 50 centros escolares, entre eles o de Manzaneda.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button