OurenseÚltima hora

Comeza o curso na escola infantil “A Galiña Azul” do novo centro interxeracional de Ourense

O centro oferta 82 prazas para o curso 2018-2019, máis un centro de día con capacidade para 80 maiores

Coa xornada de portas abertas, arrancaba na mañá do 17 de setembro o curso 2018/2019 na escola infantil da rede autonómica “A Galiña Azul” do centro interxeracional de Ourense. Xestionado pola Administración autonómica a través do Consorcio, o centro oferta para este curso un total de 82 prazas (6 unidades) e botará andar con 52 nenos, aos que se sumarán outros 7 pequenos a partir do mes de outubro froito do período extraordinario de matriculación de setembro.

A grande novidade deste novo centro é o seu carácter interxeracional, xa que na súa parte destinada aos maiores dispón dun centro de día con capacidade para 80 persoas, cuxa entrada en servizo está prevista para antes do remate do presente ano. Así pois, nestas instalacións se desenvolverán proxectos compartidos e fomentarase o intercambio de experiencias e transmisión de tradicións entre maiores e nenos, actividades que serán sempre planificadas e supervisadas polos equipos técnicos que traballarán no centro. A partir do próximo mes de outubro, este novo servizo para favorecer a conciliación laboral e familiar dos pais e nais de nenos de idades comprendidas entre os 0 e 3 anos, disporá ademais de servizo de comedor para todos aqueles que o precisen.

A escola infantil do novo centro interxeracional de Ourense, situada na rúa Ramón Abellas, incrementa a oferta que xa ofrecía a rede “A Galiña Azul” na capital das burgas. Ata o de agora contaba con 5 centros (Colón e Barrocás, dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar; e Antela, A Farixa e Virxe de Covadonga, da Axencia Galega de Servizos Sociais), que ofrecían para o presente curso un total de 428 prazas, agora aumentará ata as 510.

Artigos relacionados

Back to top button