En portadaÚltima hora

Comeza o proceso de información pública dos plans reitores de uso e xestión dos parques da Serra da Enciña da Lastra e do Invernadeiro

Unha das novidades que se introduce neste plan é o establecemento dun plan de emerxencias, co que se pretende optimizar a utilidade dos recursos técnicos e humanos dispoñibles no parque
Vista dunha das zonas do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá)./ Foto: Carlos G. Hervella.

Ao longo desta semana o DOG publicará os anuncios polos que se iniciará o proceso de información pública do Plans Reitores de Usos e Xestión (PRUX) dos parques naturais da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá) e do Invernadeiro (Vilariño de Conso). Deste xeito, ambos plans reitores serán sometidos á participación social, co fin de que cidadáns, entidades e administración acheguen as súas alegacións a este documento.

Estes plans supoñen unha ferramenta que regulará o uso público destes espazos naturais coa súa conservación xa que desenvolverán -en cada caso- as “directrices emanadas dos plans de ordenación de recursos naturais a través do establecemento de medidas de regulación específicas das diferentes actividades, concreción das medidas de conservación dos compoñentes clave da biodiversidade, precisan os criterios de zonificación, así como a propia xestión e uso do territorio, tendo un compromiso na súa conservación e no seu uso racional a través de accións locais, rexionais e nacionais”, segundo a Consellería de Medio Ambiente.

No Parque Natural do Invernadeiro a regulación cinguíase ao seu plan de ordenación de recursos naturais aprobado través do Decreto 166/1999, do 27 de maio (DOG nº 106, do 04 de xuño ); e no caso de Serra da Enciña da Lastra ao plan de ordenación de recursos naturais aprobados a través do Decreto 77/2002, do 28 de febreiro.

Unha das novidades que se introduce neste PRUX é o establecemento dun plan de emerxencias, co que se pretende optimizar a utilidade dos recursos técnicos e humanos dispoñibles no parque, co obxectivo de controlar de forma rápida a evolución dunha emerxencia e minimizar as súas consecuencias.

 

Parque Natural do Invernadeiro (Vilariño de Conso). Foto: Carlos G. Hervella.

 

Neste plan analizáronse os riscos e deseñáronse accións que deberá realizar o persoal do parque e, no seu caso, os medios externos ( policía, servizos sanitarios, medios de extinción contra incendios forestais,….etc ) encamiñadas a impedir o diminuír os danos a persoas e bens materiais, naturais o culturais que poden producirse ante unha emerxencia.

Neste sentido, establecéronse, indica a consellería, “as medidas de protección, confórmanse os equipos de cada un dos parques naturais e defínense os esquemas operacionais, consignas e protocolos de actuación a seguir polos medios en caso de emerxencia ou incidencia. Cómpre ter en conta que moitas das accións son xa directamente aplicables, aínda que necesitarán un desenvolvemento posterior aquelas que precisan da concorrencia de axentes externos, ou aprobacións polos órganos competentes”.

Outras das novidades é que se fixa un horizonte temporal de 6 anos, aínda que poderá ser revisado anticipadamente de ser necesario e así o evidencie o Plan de Seguimento e Control que o propio plan establece, e que se realiza cunha periodicidade de entre tres anos a seis, en función dos parámetros analizados.

Artigos relacionados

Back to top button