EconomíaEconomíaÚltima hora

Comeza o V Encontro Europeo da Castaña

Este foro sectorial reúne no Bierzo a profesionais de diferentes países europeos

Ao longo de tres días, do 11 ao 13 de setembro, Ponferrada converterase en referente internacional do castiñeiro. A cidade berciana acolle o V Encontro Europeo da Castaña que reúne a profesionais e expertos de diferentes países, entre eles, Portugal, Francia ou Italia. Non falta tampouco a presenza galega con representantes da IXP Castaña de Galicia e da Asociación

O foro inaugurábase na tarde do 11 de setembro cunha serie de ponencias que abordaban a situación deste sector produtivo en Europa e a súa proxección de futuro. As intervencións abríanse da man de Ángel Gaspar García-Miranda, representante da Mesa do Castaño do Bierzo, quen tracexou a realidade deste ámbito económico nesta comarca e as súas principais problemáticas.

De seguido, tomaba a palabra o presidente da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia, Jesús Quintá, quen explicaba o labor que se está a desenvolver dende este consello regulador en áreas como a recuperación de soutos galegos, as novas plantacións ou a investigación en colaboración co centro de Lourizán. Ademais referíase á recente detección en Galicia da avespiña do castiñeiro, a praga máis grave para esta árbore, así como ás medidas que está tomando a Administración galega para facerlle fronte. A que se considera como máis efectiva é a loita biolóxica dun depredador natural da avespiña, o Torymus sinensis, e neste senso está previsto facer unha solta deste insecto na vindeira primavera.

De seguido, realizaban as súas exposicións Francisco Boza, da Plataforma Andaluza da Castaña-Coag, e Efrén Martín, da Mesa do Castaño de Extremadura. O programa desta primeira xornada completábase cunha análise global do sector no mundo coas presentacións de varias países produtores: Francia coa ponencia de Daniel Vernol, Italia coa de Luciano Trentini, Portugal da man de José Gomes Laranjo e Chile con Pedro Halcartegay.

Este V Encontro Europeo da Castaña proseguirá con ponencias e varias saídas de campo os días 12 e 13 de setembro.

Texto: A.R. Foto: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button