SanidadeÚltima hora

Comeza programa de cribado de cancro colorrectal en Ourense

A poboación obxectivo son homes e mulleres de 50 e 69 anos que, no caso da provincia rondan os 87.900
A conselleira de Sanidade, coa xerente de xestión integrada ourensá, no acto de presentación do programa de cribado de cancro de colon en Ourense.
A conselleira de Sanidade, coa xerente de xestión integrada ourensá, no acto de presentación do programa de cribado de cancro de colon en Ourense.

o Programa de cribado de cancro colorrectal vén de poñerse en marcha na provincia de Ourense. Así o anunciaba na mañá do 17 de marzo a conselleira da Sanidade, Rocío Mosquera, na cidade das Burgas. “O obxectivo fundamental é previr a mortalidade e reducir a súa incidencia a través dun diagnóstico precoz”, aseguraba.

Vai dirixido ás persoas de risco medio de padecer cancro colorrectal: poboación de 50 ou máis anos sen outros factores de risco persoal ou familiar. Neste senso, as bases desta iniciativa recollen como poboación obxectivo a homes e mulleres de 50 e 69 anos que, no caso da provincia de Ourense rondan os 87.900. A proba de cribado será o test de sangue oculto en feces, cun intervalo entre exploracións de dous anos.

“Os programas de detección precoz mediante o test de sangue oculto en feces conseguen aumentar as taxas de curación dos cancros colorrectais e a supervivencia dos pacientes, así como mellorar a súa calidade de vida e a utilización de tratamentos menos agresivos. Doutra banda, tamén posibilitan diminuír a incidencia desta patoloxía, dado que se detectan e se extirpan as lesións pre malignas evitando que evolucionen a cancro colorrectal”, segundo se informa dende o Sergas.

A partir do mes de abril, estes cidadáns recibirán no seu domicilio unha carta nominal informativa e de invitación a participar. Seguidamente, remitiráselles o material necesario para a toma da mostra e as instrucións para recollela. Unha vez recollida, a persoa participante depositará a mostra no centro de saúde, onde a remitirán ao laboratorio do hospital de referencia para a súa análise.

As persoas con resultado negativo recibirán unha carta indicando a situación de normalidade e volveráselles invitar no prazo de dous anos. Aquelas que teñan un resultado positivo serán citadas na consulta do seu médico de atención primaria para explicarlles o significado do mesmo e a necesidade de realizar unha colonoscopia para descartar ou confirmar lesións malignas.

O programa comeza agora en Ourense despois de terse analizado os resultados obtidos en Ferrol, de forma piloto, en marzo de 2013. A Consellería de Sanidade espera que o 52% dos cancros diagnosticados mediante o programa se atopen en estadio I, mentres que sen el unicamente poderían diagnosticarse o 14% neste estadio.

Este tipo de cancro está, segundo Sanidade, entre os tres máis frecuentes en homes da Unión Europea e é o segundo en mulleres. No referente a Ourense, a taxa de mortalidade por esta causa está por riba da media galega. Así, no 2012 a taxa en homes nesta provincia foi de 44,6 defuncións por 100.000 habitantes e en mulleres de 38, mentres que en Galicia foi de 37,9 e 27,8 respectivamente.

Artigos relacionados

Back to top button