CD BarcoDeportesFútbolÚltima hora

Comeza un día histórico para o CD Barco

É a primeira vez que o equipo barquense consegue meterse nun play off de ascenso a Segunda División B e que ademais xogarao en Balaídos, un campo de 1ª División

 

Este 18 de xullo vai ser un día histórico para o CD Barco, xa que é a primeira vez que o equipo consegue meterse nun play off de ascenso a Segunda División B. A semifinal contra o SD Compostela comezará ás 19:30 horas no estadio de Balaídos (Vigo), outra das singularidades deste encontro.

 

Conxunto titular do CD Barco durante un partido en Balaídos.

 

Aínda que ao partido non poida asistir público, os afeccionados barquenses seguirán moi de cerca a evolución dos acontecementos, cunha despedida ao equipo ao mediodía e despois, á hora do partido, véndoo en diversos establecementos da vila. Ademais, as rúas do Barco están tinguidas coas cores do conxunto vermello, xa que centos de bandeiras locen en establecementos e balcóns da comarca valdeorresa.

O presidente do CD Barco, Nilo Ramos, afirmaba na presentación da fase de ascenso que “é unha pena que non poidan vir os afeccionados”, pero tamén recoñecía que “é o que nos toca vivir” debido á situación sanitaria do Covid-19. “O equipo vai con moitas ganas, a ilusión é básica, xa que é a primeira vez que se xoga un ascenso a Segunda División B e o escenario sen dúbida é inmellorable”, recalcaba.

 

Nilo Ramos, presidente do CD Barco.

 

Pola súa banda, o adestrador, Manolo Pérez, lamentaba non poder contar coa participación da afección no partido deste sábado “sobre todo neste caso que é a primeira vez que se vive esta situación”. Sen embargo, recoñecía que “as condicións son excepcionais e hai que adaptarse”.

 

Manolo Pérez, adestrador do conxunto barquense.

 

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button