Comeza a X Lexislatura do Parlamento galego co ourensán Miguel Santalices como presidente

Dos 75 deputados da Cámara galega, 14 representan á provincia de Ourense (9 do PP, 2 de En Marea, 2 do PsdeG e 1 do BNG)

“Pido que esta nova lexislatura que iniciamos sexa a do respecto institucional, iso ha de ser o meu traballo e por iso velarei”. Con estas palabras do novo presidente do Parlamento galego, o ourensán Miguel Santalices, seguidas do himno galego concluía a sesión constitutiva da décima lexislatura desta Cámara na mañá do 21 de outubro.

Nela participaban os 75 deputados electos, dos cales practicamente a metade se estreaban no Pazo do Hórreo. A sesión comezaba ás once da mañá coa constitución da mesa de idade, presidida polo deputado de maior idade, Carlos López Crespo. A partir de aí comezaban as votacións para escoller aos membros da mesa do Parlamento en tres votacións diferentes: a de presidente, vicepresidentes e secretario e vicesecretario. Como presidente resultaba elixido (por 41 votos a favor e 34 en branco) Miguel Ángel Santalices (PP), como vicepresidente primeiro Diego Calvo (PP), como vicepresidenta segunda Eva Solla (En Marea), como secretaria Raquel Arias (PP) e como vicesecretaria Concepción Burgo (PSdeG-PSOE).

A continuación o presidente do Parlamento xuraba o seu cargo, e tras el tomaban tamén posesión, xurando ou prometendo, os demais membros da mesa e o resto dos parlamentarios. Dos 14 deputados da provincia de Ourense nesta nova lexislatura, nove son do PP: Marisol Díaz Mouteira, Miguel Santalices Vieira, José Luis González Vázquez, Antonio Rodríguez Miranda, Cristina Romero Fernández, Marta Novo Iglesias, César Manuel Fernández Gil, o valdeorrés Moisés Blanco Paradelo e Marta Rodríguez-Vispo.

Ademais están na Cámara galega dous deputados socialistas, Noela Blanco Rodríguez e Raúl Fernández Fernández, así como outros dous de En Marea, Ánxeles Cuña Bóveda e Davide Rodríguez Estévez de Manzaneda, co que a comarca trivesa ten por vez primeira presenza no Parlamento. A representación da provincia complétaa Noa Presas Bergantiños, do BNG. Os deputados desta última formación política acudían á sesión constituínte cun caravel vermdello e cun volume do “Sempre en Galiza” de Castelao.

Era asemade unha sesión cunha tribuna chea de convidados, entre os que estaban familiares dos deputados, así como diversos representantes políticos, como deputados no Congreso, alcaldes (entre eles o de Manzaneda) e concelleiros; ademais de antigos ex presidentes do Parlamento, como é o caso do valdeorrés Tomás Pérez Vidal.

Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información e fotos na edición en papel de novembro do Periódico O Sil.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies