EntrevistasÚltima hora

“Comezamos a entender a bioloxía do cancro”

Publicidade
O vilamartinés Rafael López, xefe de Oncoloxía do CHUS, vén de ingresar na Real Academia Galega de Medicina

 

O doutor Rafael López, durante a entrevista co Periódico O Si./ Foto: Carlos G. Hervella.
O doutor Rafael López, durante a entrevista co Periódico O Si./ Foto: Carlos G. Hervella.

O doutor  Rafael López (Vilamartín, 1959) leva décadas investigando e tratando o cancro. Tras formarse como médico en Madrid, facía a especialidade en Asturias, onde comezaba a exercer a profesión. Despois pasaba por hospitais de cidades como Amsterdam (Holanda), Pamplona e Vitoria ata que en 1998 se incorporaba ao CHUS, onde continúa como xefe do servizo de Oncoloxía.

 

A súa traxectoria vén de ser recoñecida pola Real Academia Galega de Medicina e Cirurxía, que o recibía como membro numerario o pasado 19 de setembro. Con el a oncoloxía conta, por primeira vez, con sillón na academia. “Estou contento disto, creo que xa tocaba porque o cancro é a enfermidade que máis mata hoxendía”, di. No seu discurso de ingreso falaba da “oncoloxía de precisión”, un novo xeito de entender unha especialidade médica cuxa principal arma segue sendo a investigación.
O doutor López é ademais o único valdeorrés nesta institución galega. Malia ao absorbente do seu labor profesional, segue mantendo contacto coa súa terra natal. “Vou con moita frecuencia, realmente ir a Vilamartín é o que máis me relaxa”, recoñece.
Pasaron xa 16 anos dende a súa chegada ao CHUS, ¿como ten evolucionado o servizo de oncoloxía e a forma de afrontar o cancro?
Ten cambiado moito. Primeiro o servizo medrou moito e houbo multitude de avances en medicina. Afortunadamente parece que a enfermidade está un pouco máis acantoada e ímola intentando controlar máis. Agora estamos nun momento doce con respecto ao cancro, empezamos a entender o que é e a deseñar xa estratexias e seguro que algunha delas vai ter éxito no tratamento e solución dos problemas dos pacientes. Esta enfermidade vai acompañada co aumento da esperanza de vida. Dito dun xeito simple, as nosas células están reproducíndose e adaptándose continuamente e canto máis tempo pase, máis posibilidades hai de que se produza un fallo nesa cadea e que se xere un cancro. Xeralmente non falla un só mecanismo, senón que, como no caso dos accidentes, danse varias coincidencias e prodúcese o tumor. É tan sinxelo como iso, pero levounos moito tempo entendelo. A medida que se van tendo máis anos, as probabilidades de desenvolver esta enfermidade son maiores.
Isto ten unha serie de implicacións na abordaxe da enfermidade…
Si, o último co que estamos todos os oncólogos absolutamente entusiasmados é o que chamamos a inmunooncoloxía. Non entendíamos por qué o propio organismo, o corpo humano ou o animal, que é tan listo, non era capaz de defenderse ante unha propia agresión e ese é o problema, é que as células son nosas. As células tumorais son tan hábiles e espabiladas que son capaces de mandar sinais para bloquear as propias defensas e así téñenas enganadas. Este é un mecanismo moi intelixente e que nos levou anos descubrir. E agora estanse a deseñar, de feito algunhas xa están en ensaio clínico e outras a piques de comercializarse, moléculas que lle quitan o engano ás nosas células de defensa para que, unha vez que se decaten de que hai un inimigo dentro, reaccionen contra o tumor.
¿Que pode supoñer isto na práctica, nos tratamentos?
Está habendo, case non me atrevo a dicir curacións porque é demasiado cedo, pero algo parecido a curacións en tumores onde antes era impensable: no melanoma, no cancro de pulmón, no de ril, no de vexiga… que curiosamente son os que acumulan máis mutacións, é dicir, os tumores máis agresivos. Pois estes son os que están respondendo ás terapias inmunolóxicas. Hai 15 anos isto non se creería, sen embargo está pasando e vai significar que unha porcentaxe de tumores digamos malos vaise controlar, evidentemente non todos. Pero hai outros camiños, como é o dos tratamentos dirixidos, que van ser capaces de bloquear outra pequena porcentaxe de tumores. Hoxe debuxamos o cancro como tartas, como subgrupos onde para un anaquiño de tumores haberá un fármaco, para outro subgrupo diferente outro fármaco…, é dicir, ímolo personalizando, de feito é o que chamamos medicina personalizada ou de precisión. Coñecemos mellor o que tratamos e podemos descubrir mellores ferramentas e utilizalas xa cando están comercializadas.

 

Texto: Ángeles Rodríguez/ Santiago         Foto: Carlos G. Hervella

(A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Back to top button