En portadaÚltima hora

Comezan as obras da circunvalación do Barco cun orzamento de 54 millóns de euros

Esta variante, cuxa construción estará en mans dunha UTE da que forman parte dúas empresas valdeorresas, porase en servizo no outono do 2022

 

“Hoxe estamos dando resposta a unha demanda histórica e cumprindo un compromiso con O Barco”, dicía na mañá do 23 de setembro no Barco o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, no inicio das obras da conexión da N-536 coa N-120 (no tramo Sobradelo-O Barco), a denominada circunvalación. A construción desta variante duns 5,6 km suporá un investimento duns 54 millóns de euros e estímase que a súa posta en servizo terá lugar no outono do 2022. Con ela reducíranse considerablemente os tempos no traxecto, pasando dos 15-20 minutos actuais a tan só catro, segundo explicaba o director da obra,  o enxeñeiro valdeorrés Constantino Pato.

“Esta é unha gran obra por orzamento e pola súa esixencia técnica, pois requirá da execución de cinco novos viaductos, entre os que destaca o viaducto sobre o Sil, de 461 m de lonxitude, e un novo túnel de 490 m. Esta importante actuación, cun prazo de execución de 36 meses, suporá un alivio para O Barco e a súa comarca, pois permítenos desviar os importantes tráficos pesados, xerados polo transporte da lousa dende as canteiras cercanas, cara a N-120”, sinalaba o delegado do Goberno en Galicia. Ademais Losada incidía en que coa circunvalación mellorarase a “funcionalidade, acortanse os tempos de percorrido e, sobre todo, gánase en seguridade vial, facilitando o transporte de mercadorías cara a N-120 e á futura A-76”.

Neste acto, Losada estaba acompañado polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, así como polos alcalde do Barco, Alfredo García; pola alcaldesa de Carballeda, María Carmen González; e polo rexedor de Vilamartín, Enrique Álvarez; entre outras autoridades, ademais de por representantes empresariais. O alcalde barquense resaltaba na súa intervención que esta é “unha actuación fundamental para toda a comarca” e lembrou que son xa case vinte anos os que se leva traballando para converter este proxecto nunha realidade. “Saíu adiante e isto é unha satisfacción absoluta. Vai traer un gran movemento económico e vai resolver os problemas de mobilidade no centro do Barco, será un tremendo alivio para facer a segunda planificación da vila, así como para os traballadores do sector da lousa que fan ese percorrido cada día”, sinalaba García.

 

 

Ademais Alfredo García amosaba o seu agradecemento ao delegado do Goberno, así como a todas as persoas que fixeron posible que esta obra “chegase a bo porto”. Así mesmo apuntaba que a execución deste proxecto estará en mans dunha UTE da que forman parte 2 empresas da comarca: Petrolam e Acoval. “Eles serán os primeiros interesados en que quede ben e en que se faga nos prazos previstos”, engadía.

Pola súa banda, o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso,  resaltaba que “a circunvalación é unha obra importantísima cunha dificultade técnica de relevancia, pero, sobre todo, o que habería que destacar é que vai a cohesionar e a resolver unha situación de mobilidade no que é a comarca de Valdeorras e o que vai a significar para as propias empresas, para o sector económico desta comarca e tamén para o futuro das comunicacións con Galicia e co Bierzo. Para min tamén é unha satisfacción que dende o primeiro día que me fixen cargo da Subdelegación tratamos de impulsar este proxecto e hoxe é unha realidade e seguiremos aí pendentes de proxectos deste tipo”.

Entre os asistentes ao acto estaba tamén Celso Delgado Arce, deputado do PP no Congreso, quen lembraba o “longo e complexo proceso que seguiu” a estrada de circunvalación e celebraba o inicio das súas obras. “Confiamos en que as obras que hoxe comezan se desenvolvan con normalidade e culminen no prazo previsto de 36 meses”, indicaba.

As características técnicas do proxecto

Neste acto o director da obra, Constantino Pato, detallaba as características construtivas deste proxecto do que resaltaba a súa “gran complexidade técnica” e que permitirá circular nese tramo a unha velocidade de 80 km/hora. Esta conexión, de 5,6 km, contará con dúas partes diferenciadas: unha primeira sección de 3,3 km “é un acondicionamento e mellora da actual N-536 dende Sobradelo” e a segundo, de 2,3 km, será un subtramo “de nova construción que conectará coa N-120 mediante dous viaductos e un túnel”.

Pato detallaba que esta intervención inclúe todas as medidas necesarias de integración ambiental e protección do patrimonio cultural e arqueolóxico, neste último caso, en puntos como a antiga Ponte de Candís e a zona aurífera romana de A Veiga. Ademais no primeiro subtramo, dende Sobradelo, desta variante haberá un paseo peanil e unha vía ciclista, segradada ao longo da N-536.

Outros investimentos na N-120 e na futura A-76

O delegado do Goberno en Galicia tamén se refería a outros investimentos que o Estado realizará en infraestruturas viarias na provincia de Ourense e entre os que figura a autovía A-76, “da que xa se someteron á información pública os proxectos do trazado dos tramos: Vilamartín da Abadía-Requejo na provincia de León e A Veiga de Cascallá-O Barco na provincia de Ourense”. E matizaba que “a A-76, xunto coa obra da variante do Barco que hoxe estamos iniciando, enlazarán nunha zona moi próxima ao punto no que nos encontramos, supoñendo un salto definitivo nas comunicacións viarias de Valdeorras”.

E adiantou que está en redacción, e pendente de ser sometido ao trámite de información pública,  un proxecto de trazado para a construción de carrís adicionais de adiantamento na N-120 entre Os Peares e Ourense. E ademais someteranse a información pública nos vindeiros meses o proxecto de trazado dun novo enlace da seguridade vial e a mobilidade en Vilamartín, na N-120. “E está na súa fase final de redacción o proxecto para a construción dun novo enlace na N-120 na Rúa”, aseguraba.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button