SanidadeÚltima hora

Comezan as obras de ampliación do Hospital de Verín

A dirección do Distrito Sanitario solicita colaboración aos profesionais para reservar as áreas de aparcamento máis próximas a entrada para os pacientes

 

Coa colocación hoxe do valado que pechará o perímetro da área de construcción do futuro edificio de urxencias e a instalación das casetas de obra dan comezo as obras de ampliación do Hospital Público de Verín, adxudicadas a Elecnor Servizos e Proxectos SAU, nas que a Xunta de Galicia inviste un importe de 3,9 millóns de euros e que permitirán realizar ademais outras actuacións de mellora enerxética, cun prazo de execución de 11 meses.

Hoxe tamén está previsto que os adxudicatarios das obras procedan tamén á retirada da cuberta do aparcadoiro de persoal, que se sitúa dentro da área de obras e que quedará pechada nos próximos días por seguridade. Por elo, desde a dirección do Distrito Sanitario solicítase a colaboración dos profesionais para reservar as áreas de aparcamento máis próximas a entrada para os pacientes.

De planta baixa e cunha superficie de 1.488 metros cadrados, o novo edificio mellorará a funcionalidade destes dous servizos de atención ás urxencias da bisbarra de Monterrei: O Punto de Atención Continuada (PAC) atendido polo persoal de Atención Primaria e o Servizo de Urxencias, facilitando a súa coordinación, mediante unha distribución que permitirá xerar distintos circuítos para a atención dos pacientes. Ademais o seu deseño inclúe, por vez primeira nun area de urxencias, o doble circuito para a atención aos pacientes con sospeita de infección respiratoria.

Unha das principais vantaxes desta ampliación, mediante a construción dun novo edificio axunto, é que non será preciso trasladar provisionalmente ningún servizo, ou acometer obras de adaptación, habituais nas reformas hospitalarias, xa que só se procederá ao traslado unha vez rematado.

Outra das vantaxes é que o novo edificio de Urxencias disporá dun acceso exclusivo, a nivel de planta baixa, cunha área de acceso de vehículos, para recoller ou achegar pacientes, e estacionamento propio.

Distribución práctica e funcional

Na entrada situarase a Admisión e o Triaxe, para facilitar a atención do paciente no PAC ou Urxencias. O PAC, terá dúas consultas médicas e unha de enfermería, comunicadas e próximas ao acceso, e unha consulta de atención a sospeitas de infección respiratoria, con sala de espera con aseo exclusivos.

Pola súa parte o Servizo de Urxencias contará con dúas consultas polivalentes, unha sala de curas e seis boxes. Deles, un de maiores dimensións para a atención a pacientes críticos e outro, con aseo e espazo previo, para facilitar o illamento de pacientes con sospeita de infección.

O novo edificio hospitalario contará tamén cunha sala de observación 24 horas, sala de traballo médico, sala de reunións, farmacia, sala de pre-alta, despacho de información a familiares, dormitorios de persoal e outros espazos de apoio. Asemade, a área de persoal estará separada da zona de atención a pacientes, cun acceso rápido aos puntos de atención.

Xunto ás obras de ampliación, tamén se procederá á renovación da cuberta de todo o hospital e a instalación de paneis fotovoltaicos, que permitirán ampliar as fontes de a coxeneración enerxética e limitar a dependencia das habituais.

Artigos relacionados

Back to top button