PolíticaÚltima hora

Comezan as obras de arranxo da estrada de San Agustín, demandadas polos socialistas no Parlamento galego

O PSdeG de Viana sinala que a empresa hidroeléctrica titular do vial “vai asumir o inicio das obras, que son moi urxentes polo estado do firme”
Imaxe do firme da estrada de San Agustín (Viana do Bolo)./ Foto: Carlos G. Hervella.

Dende hai anos os vianeses veñen demandando o arranxo da estrada de San Agustín, cuxa titularidade é dunha empresa hidroeléctrica logo de ter sido construída orixinalmente para o acceso á central hidroeléctrica de San Agustín e á Presa das Pías. No pasado verán, o concelleiro socialista de Viana do Bolo, Santiago Barja, a través da deputada socialista por Ourense Noela Blanco, levaba ao Parlamento galego varias inciativas sobre este tema, entre elas unha pregunta no pleno onde lle reclamaba, tanto de forma oral como por escrito, á Xunta que lle solicitase á empresa hidroeléctrica a reparación deste vial. Tamén se lle pedía á Xunta que asumise a titularidade da vía.

“A veciñanza de Viana do Bolo leva anos denunciando o mal estado desta estrada, onde cada día se enfrontan veciños, ambulancias, transporte escolar, e visitantes en xeral, ás fochancas, aos desconchóns e á maleza presente nesta vía, o que leva ocasionado numerosos accidentes”, tal e como aseguraba Blanco no texto da pregunta oral presentada no Parlamento.

 

Un vehículo circulando pola estrada de San Agustín./ Foto: Carlos G. Hervella.

A través dun comunicado, os socialistas de Viana do Bolo indican agora que, “despois de comprobar o nulo interese da Xunta nestes meses por asumir a titularidade desta estrada e os problemas do seu mal estado que afecta a un gran número de parroquias do concello de Viana, a empresa hidroeléctrica vai asumir o inicio das obras, que son moi urxentes, polo estado penoso do firme”.

Ademais dende o PSdeG sinalan que “vaise continuar coas conversas para que as obras cheguen a bo fin, coas aportacións económicas de Endesa e a axuda das administracións, que é o que os veciños merecen e reclaman”.

Artigos relacionados

Back to top button