OurenseÚltima hora

Comezan as obras de reforzo da seguridade viaria na Vía da Prata

Na provincia de Ourense, onde se desenvolverán 13 das actuacións, realizaranse melloras en treitos coincidentes coas estradas OU-112 e OU-113, en Laza; tamén na OU-311, na Mezquita; e na OU-154, en Piñor

Visita ás obras na Vía da Prata en Sarreaus.

 

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado do alcalde de Sarreaus, Gumersindo Lamas, o inicio das obras de reforzo da seguridade viaria e da accesibilidade na OU-113 no treito paralelo coa Vía da Plata, nas que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inviste preto de 34.000 euros.

As actuacións consisten na creación dunha cuneta transitable de 1, 5 metros de ancho, no tramo da OU-113 entre os puntos quilométricos PK 34+760 a 35+200, executando previamente a retirada de capa de terra vexetal, posterior escavación, recheo e apisoando a gabia ata alcanzar a cota necesaria para executar o firme de formigón da cuneta transitable como senda do camiño. Nun tramo de 180 metros é necesario a execución de unha drenaxe con tubo de 160 mm de diámetro, debido a mananciais que existen na cuneta existente.

Gabriel Alén subliñou que esta é unha das actuacións que a Xunta vai desenvolver nos treitos das vías autonómicas coincidentes coa traza da Vía da Prata para reforzar a seguridade viaria e favorecer o tránsito dos peregrinos, que suporán un investimento autonómico conxunto próximo aos 225.000 euros. Tamén informou que a Xunta ten previstas un total de 13 actuacións na provincia de Ourense e 1 na de Pontevedra na contorna deste Camiño de Santiago, coa fin de mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade nos cruzamentos ou treitos da Vía da Prata coas estradas autonómicas.

 

 

En Ourense, os traballos desenvolveranse na estrada OU-112, no concello de Laza, coa execución dunha senda nun tramo duns 650 metros; na OU-113, onde se realizarán 9 actuacións no termo municipal de Laza e cunha intervención no concello da Mezquita; e na OU-154, ao seu paso por Piñor.

As intervencións consistirán, fundamentalmente, na construción de sendas para favorecer un tránsito máis cómodo e seguro dos peregrinos; na execución de muros, gabias transitables e pasarelas; na instalación de barreiras e varandas ou novos encamiñamentos; na instalación e reforzo da sinalización; ou en calquera outra actuación que sexa precisa para incrementar a seguridade nos treitos da rede autonómica de estradas coincidentes na traza coa ruta xacobea

Estas intervencións encádranse no traballo que se vén realizando desde a Xunta para reforzar a seguridade viaria, a accesibilidade e a integración paisaxística dos Camiños de Santiago, con actuacións levadas a cabo nos últimos anos en diversas vías autonómicas e que suman un investimento de 3,5 M€ euros. A estas súmanse as intervencións que se están a ultimar de integración paisaxística dos Camiños á súa entrada na cidade de Compostela, ás que a Xunta destina 12,6 M euros.

Estas melloras encamiñadas a favorecer a seguridade, a comodidade e a experiencia do peregrinos estarán listas para atender a maior afluencia de peregrinos que se espera no ano 2022, cando o Xacobeo se prevé máis intenso.

Artigos relacionados

Back to top button