ConcellosÚltima hora

Comezan as obras do primeiro proxecto conxunto entre os concellos de Castro Caldelas e San Xoán de Río

Trátase do asfaltado de case 3 quilómetros de camiños municipais entre Vimieiro (Castro Caldelas) e Medos (San Xoán de Río)

“Estamos nun momento no que a colaboración entre concellos para intentar conseguir unha mellor calidade de vida para a nosa veciñanza non é unha opción, senón unha necesidade, polo cal levamos case un ano traballando xuntos e o asfaltado entre Vimieiro e Medos é a primeira das obras que levaremos a cabo”, tal e como veñen de anunciar nun comunicado os Concellos de Castro Caldelas e San Xoán de Río, que chegaban a un acordo de colaboración o pasado xaneiro.

O primeiro froito dese labor conxunto que veñen realizando dende hai meses é o arranxo de case 3 quilómetros de estradas, entre Vimieiro en Castro Caldelas e Medos en San Xoán de Río, que serán asfaltados esta semana.

“A crise do Covid-19 mudou por completo a nosa maneira de ser e moita xente apostou de novo polo rural para vivir. Por outra banda a Ribeira Sacra será Patrimonio da Humanidade e haberá un aumento do turismo que xa notamos a día de hoxe. É unha oportunidade única que non podemos deixar pasar, temos que estar preparados. A xente elixira vivir ou visitar os lugares onde teña mellores servizos, incluíndo a mobilidade que na nosa zona é unicamente por estrada”, explican dende os Concellos de San Xoán de Río e de Castro Caldelas.

De aí que ambas entidades locais acordasen colaborar, centrando a prioridade “nunha mellora das comunicacións entre as parroquias limítrofes de ambos concellos”. Nesa liña, xurdía un proxecto conxunto para a mellora de infraestruturas que “obtivo a puntuación necesaria (algo imposible de conseguir por solitario) a Xunta de Galicia concedeunos unha subvención para a mellora de camiños municipais entre os núcleos de San Xoán de Río e Castro Caldelas por un importe de 37.522,58 €, sendo o 70% do orzamento elixible do proxecto”, explican os concellos.

Así Castro Caldelas e San Xoán de Río aportarán, a partes iguais o 30% restante para poder realizar estas actuacións “máis que necesarias”.

Artigos relacionados

Back to top button