ConcellosQuirogaÚltima hora

Comezan as obras para o novo cemiterio municipal de Quiroga

Obras para o novo cemiterio municipal de Quiroga./ Cedida.

 

As obras da primeira fase de construción do novo cemiterio municipal de Quiroga xa están en marcha e, en breve, comezará tamén o movemento de terras para a urbanización da nova rúa que unirá a rúa Tallos coa rúa Rego da Silva, tal e como anuncia o Concello.

O rexedor local, Julio Álvarez, achegábase ata o lugar onde xa se comezaron os primeiros traballos no terreo que ten unha superficie de 3.326 m2, financiados con 175.000 €. por Vicepresidencia 1ª e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo e pola Consellería Infraestruturas e Mobilidade.

“O primeiro que se realizou na parcela foi unha roza e limpeza do terreo, posteriormente escavarase nunha parte da parcela, sobre todo a zona situada ao norte da ampliación, para realizar cun recheo de terra coa finalidade de homoxeneizar a pendente da parcela”, informa o Concello.

Como seguinte paso, está prevista “unha primeira parte de firmes, preparando o terreo cunha base de zahorra e realizando os pavimentos da parcela. Neste momento tamén se realizará a obra para a instalación de saneamento, fontanería e unha preinstalación enterrada de cableado de iluminación”, segundo o Concello de Quiroga.

Ademais vanse crear as zonas verdes do cemiterio, achegando terra vexetal e sementando nas zonas marcadas e plantación de arbores e plantas.

As obras da nova rúa, cunha lonxitude de 200 metros e unha anchura de 16 m., que ademais de unir a rúa Tallos co Cuartel da Benemérita, dará servizo ao futuro Cemiterio Municipal, está previsto que comencen en breve.

Artigos relacionados

Back to top button