ConcellosGalerías de fotosO Sil agosto 2016Última hora

Comezan as festas de verán na Rúa

O encontro de “Pinchadiscos” abre o programa que se estenderá ata o luns 8 de agosto

Un ano máis, e xa van seis, o encontro de “Pinchadiscos” na rúa Doutor Vila abría na noite do xoves 4 de agosto o programa das festas de verán da Rúa. Na mesa de mesturas, os clásicos (Moncho, Solarat,…) e na rúa a xente que pouco a pouco se ía animando a botar o primeiro baile das festas que se estenderán ata o vindeiro luns, 8 de agosto (festivo local).

A programación deportiva comeza hoxe, venres 5 de agosto ás 21 horas coa III Milla Nocturna A Rúa, na rúa Miguel de Cervantes, e despois a praza da Estación acollerá a xornada da mocidade coa actuación musical de tres grupos locais: Fillos do Estramonio, Cabo da Vila e Clon Bois.

O sábado 6 de agosto verá lugar a gran novidade das festas deste ano: a I Travesía a Nado Encoro de San Martiño a partires das 18 horas na área recreativa do Aguillón. Ese día tamén haberá un parque infantil nas piscinas e un triangular de fútbol de veteranos a partires das 18:30h. no campo O Novo Aguillón no que participarán o C.D. Rúa, o C.D. Barco e o C.D. Ferreira. De forma paralela desenvolveranse partidos de pádel e golf rústico. O apartado musical correrá a cargo da charanga BB+ que fará pasarrúas pola vila e da orquestra Galilea que actuará en sesión de tarde e verbena na praza da Estación.

O domingo 7 de agosto pola mañá é o día da Feira grande en Fontei, con sesión vermú a cargo da banda de música A Lira de Ribadavia na rúa Doutor Vila. Pola tarde haberá de novo parque infantil nas piscinas e ás 18:30 horas un partido de fútbol feminino no que se enfrontarán as rapazas do Rúa- Valdeorras C.F. e as da U.D. Ourense, no Novo Aguillón. Na área creativa, disputaranse asemade as finais do XVIII Torneo de Tenis e do III Torneo de Volei Praia cuxos partidos previos comezarán xa o 1 de agosto. A tarde e a verbena estarán amenizadas pola orquestra New York.

E xa o luns día 8, será o día dos nenos cun parque intantil no Aguillón (inchables, festa da escuma, etc) a partires das 18h; pasarrúas a cargo de Fanfarria Taquikardia; e o baile de noite e verbena coa orquestra Aché.

Máis información no Especial Festas Agosto do Periódico O Sil.
Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button