OurenseÚltima hora

Comezan os traballos de restauración e limpeza das Burgas de Abaixo

Durante as obras, o acceso ao símbolo de Ourense permanecerá pechado
Marisol Díaz e Jesús Vázquez visitaron hoxe as obras.

Comezan as obras de limpeza e restauración das Burgas, concretamente nas Burgas de Abaixo, o monumento máis característico da cidade de Ourense. A Xunta asumirá o custe dos traballos que ascenden a un total de 13.068 euros, así como do proxecto, que conta cun orzamento de 2.469,90 euros. Durante os traballos, informan dende o Concello de Ourense, o acceso ás Burgas de Abaixo permanecerá pechado.

Na tarde de hoxe, 27 de novembro, as obras recibiron a visita do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, para constatar o inicio das mesmas.

Estes traballos de mellora do símbolo de Ourense súmanse aos xa efectuados polo Goberno galego na Ponte Romana, onde se continuará coa segunda fase de adecuación e mellora, e na Catedral. Ambas as dúas superan os tres millóns de euros no seu conxunto. O rexedor municipal asegurou que con estas obras “damos así un paso máis na conservación e preservación do patrimonio histórico el cultural da nosa cidade”.

O convenio que deu froito a estes traballos xurdiu xa que as Burgas de Abaixo precisaban unha limpeza e restauración, debido ao paso do tempo e ao desgaste da pedra pola auga: “As Burgas son o gran emblema de Ourense, polo que é de agradecer a cooperación amosada polo Goberno Galego para contribuír a preservar este ben patrimonial”, sinalou Vázquez.

Esta fonte foi construída polo mestre Trillo a mediados do século XIX. Os mananciais foron declarados Conxunto Histórico-Artístico no ano 1975, e decretado Sitio Histórico no 2007.

O seu estado actual de conservación era malo debido á degradación da pedra, a suciedade e a pátina biolóxica en sitios puntuais. Esta deterioración tradúcese, sinalan fontes consistoriais, na aparición de costras negras nas zonas próximas aos canos, desprazamento e arenización dos canos, colonización de fungos, liques, algas e plantas superiores, así como pedras matéricas e de argamasa en sitios puntuais.

A proposta de restauración proxectada inclúe unha serie de intervencións sobre a fonte; primeiramente, realizarase unha limpeza da pedra que será máis ou menos intensiva segundo o estado da superficie para limpar, co obxecto de eliminar as suciedades ou biodeterioracións puntuais que afectan á pedra. Estes traballos realizaranse integramente a man, utilizando cepillos con cerdas naturais, paus de madeira, hisopos e mesmo cepillos de dentes segundo o espazo para intervir.

Co obxecto de eliminar os grafitis nas placas de bronce, realizarase unha limpeza con acetona ou disolventes, previa realización de probas para non danar a pátina do metal. Finalmente, para tratar o bronce da fonte, limparase cun disolvente e aplicarase unha resina sintética.

Artigos relacionados

Back to top button