ConcellosQuirogaÚltima hora

Comezan os traballos en Bustelo de Fisteus (Quiroga), declarada Aldea Modelo de Galicia

Hai xa un promotor interesado en levar a cabo a rehabilitación de varias construcións para poñer en marcha un pequeno hotel enfocado á oleicultura

 

Veñen de iniciarse os traballos de acondicionamento dos terreos do núcleo de Bustelo de Fisteus (Quiroga), recentemente declarado como Aldea Modelo de Galicia pola Consellería do Medio Rural. A directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé Riveira; e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, acompañados do alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, visitaban este núcleo pouco despois desta declaración.

Durante unha hora percorrían a que xa é a décimo cuarta aldea modelo de Galicia e anunciaban xa a inminente actuación de recuperación da terra agraria e tamén a publicación, nas próximas semanas, da concorrencia competitiva para atopar un xestor, segundo confirmaba a directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé.

A primeira actuación nunha aldea modelo, dicía Santé, é recuperar a terra agraria da contorna do núcleo cunha dobre finalidade: por un lado poñela a producir e por outro facer unha xestión activa da biomasa previndo os incendios forestais. En palabras da directora xeral “os propietarios e veciños da aldea pasan de ter que limpar ou xestionar as súas parcelas ou pagar para que o fagan a ter unha renda derivada desa actividade económica”.

“A boa vontade dos propietarios é algo fundamental” segundo Inés Santé, quen destacou que foi o lugar no que recolleron no menor tempo a sinatura dos veciños que se precisaba, un mínimo do 70% dos propietarios, para poñer en marcha este proxecto.

O delegado da Xunta, Javier Arias, remarcou que son 14,15 hectáreas de terreo nas que se está traballando para darlle un uso agrogandeiro. “A actuación non só será importante para o núcleo se non para toda a zona posto que o proxecto de mellora e recuperación da aldea entra dentro da Lei de Recuperación de Terra Agraria”, que recentemente entrou en vigor coa novidade de poder realizar actuacións dentro do núcleo urbano.

Precisamente axudado por esta novidade da lei, xa existe un promotor interesado en levar a cabo a rehabilitación de varias construcións para poñer en marcha un pequeno hotel enfocado á oleicultura. Leo Chamorro calcula que aproximadamente nun ano poderá inaugurar “un hotel enfocado a un cliente que valore o aceite, sobre todo o da zona, onde o cliente veña vivir a experiencia de saber como se fai o aceite, como se elabora, poder probalo e vivilo”.

O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez agarda que con este proxecto Bustelo de Fisteus non só recupere os seus terreos de cultivo, se non que poida recuperar as súas vivendas e ter un futuro prometedor”. A arquitectura do núcleo, a súa situación xeográfica, enmarcada entre unha alvariza totalmente rehabilitada e o miradoiro dende o que se contempla todo o val do río Quiroga, onde rematou a visita; fan que este lugar poida chegar a ser en palabras do rexedor local, “un punto turístico referente no Xeoparque Montañas do Courel”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button