OurenseÚltima hora

A Comisaría de Ourense celebra 194 aniversario do Corpo Nacional de Policía

A Comisaría de Policía de Ourense acolleu hoxe, 12 de xaneiro, o acto de celebración dos 194 anos da creación do Corpo Nacional de Policía. Este foi o último acto do Comisario, Antonio Álvarez, como máximo mando da Policía en Ourense xa que “estou xa recollendo as cousas para marchar”, dixo, debido a que a finais deste mes collerá a xubilación.

O acto estivo presidido polo propio Comisario; o Subdelegados do Goberno e Defensa en Ourense, Roberto Castro e Gustavo Doncel; o Tenente Coronel da Comandancia da Garda Civil de Ourense, Manuel Novo Colldefors e a xefa da Policía Local de Ourense, María Barrera.

Neste acto, conmemoraron o labor dos Policías xubilados neste ano cun diploma de recoñecemento. Estes foron: José Antonio Rodríguez, Celso Fernández, Andrés Fernández, José Manuel González, Tomás Infesta Dapena, José Pereira, Jesús Rodríguez e Martín Sanmamed.

Na súa intervención, o Comisario, Antonio Álvarez, fixo referencia ao grande cambio que sufriu a Policía Nacional dende que el se incorporou a finais dos anos 70: “Antes, co tema do terrorismo, ser Policía era practicamente un segredo que non se podía contar nin aos amigos”. Na actualidade, remarcou, a visión do Policía “cambiou moito na sociedade”. Reiterou que iso debeuse ao camiño creado “por todos os que agora se xubilan”.

Pola súa parte, o Subdelegado do Goberno, Roberto Castro, salientou que os homes e mulleres, “que dan nome a esta nobre institución” axudaron a crear nestes 194 anos “o arquetipo de convivencia pacífica entre todos nós”. Reiterou nas súas verbas que “desa sembra permanente e inmutable a favor do cumprimento da lei, a pervivencia da igualdade, a conservación da solidariedade, a defensa dos dereitos das persoas e a custodia da liberdade de todos, recollemos os seus froitos a diario”.

O acto concluíu cunha visita ao Museo da Comisaría guiada polo propio Comisario.

Fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button