OurenseÚltima hora

Como facer fronte á limpeza e hixiene dos animais de compañía ante o Covid-19

Consellería de Medio Ambiente e os Colexios de Veterinarios de Galicia veñen de elaborar un protocolo de actuación para as mascotas

Un dos participantes na festa do Orgullo Canino celebrada en Vilamartín. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

Non hai evidencias científicas de que esta enfermidade se poida contaxiar a través dos animais, pero toda precaución é pouca polo que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e os Colexios de Veterinarios de Galicia veñen de colaborar na elaboración dun protocolo de hixiene e limpeza dos animais de compañía ante o Covid-19, un documento que inclúe toda unha serie de consellos e recomendacións dirixidos non só aos profesionais pertencentes a este colectivo, senón tamén aos propietarios das mascotas.

A idea do protocolo, que na mañá deste xoves 14 de maio analizaron por videoconferencia a conselleira Ángeles Vázquez e o presidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios, Luís Núñez, xurdiu co obxectivo de extremar as medidas de hixiene e limpeza ante a alerta sanitaria xerada polo coronavirus. En canto ao contido do documento, segundo explican dende a Xunta, tivéronse en conta catro aspectos principais: a necesidade de empregar produtos axeitados para limpar a pel e as mucosas dos animais, considerando que moitos desinfectantes poden ser nocivos para eles; as medidas hixiénicas a tomar ante a saída dos animais á vía pública; o protocolo recomendado á hora de acudir a un centro veterinario; e as medidas hixiénicas respecto dos animais que conviven con persoas positivas ao Covid-19.

As saídas á rúa cos cans foi un dos aspectos que desde a declaración do estado de alarma suscitou máis dúbidas e consultas por parte da poboación. Neste sentido, o protocolo recolle “as principais recomendacións que desde o principio fixo públicas a Consellería, como realizar as saídas imprescindibles, evitar contactos, recoller os excrementos e limpar a zona na que o animal fixo as súas necesidades, e limpar ao volver a casa o pelo, a pel e todas as partes do animal que estiveran en contacto coa vía pública con auga e xabón ou con produtos que non sexan nocivos nin tóxicos”.

Polo que respecta ás visitas aos centros veterinarios, que durante todo o estado de alarma permaneceron dispoñibles para prestar a atención sanitaria que fose necesaria, “aconséllase aos donos pedir sempre cita previa, acudir só co animal e respectar a distancia de seguridade en todo momento”, mentres que aos veterinarios pídeselles que “separen as citas para evitar a posible concentración de persoas e animais nas instalacións das clínicas”.

Por último, o documento elaborado entre a Consellería e o Consello Galego de Colexios Veterinarios aborda as medidas hixiénicas aconsellables respecto dos animais que conviven con enfermos de coronavirus. Sobre esta cuestión, o protocolo recolle que “debe evitarse o contacto entre os positivos con Covid-19 e os animais de compañía pero en caso de que non sexa posible, terán que respectarse todas as medidas de corentena e illamento que se manteñen respecto ás persoas”, isto é, “empregar mascarilla e lavar as mans con frecuencia, así como outros utensilios que estean en contacto co animal. Así mesmo, cando o animal que convive co enfermo deba ir ao veterinario, haberá que informar ao personal da clínica para que adopte as medidas oportunas”.

Artigos relacionados

Back to top button