CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Como nunca, como sempre… Miguel Arias cautiva ao público no Barco

O cantante natural de Arcos (Vilamartín) deu un concerto rodeado de amigos no Teatro Lauro Olmo

Despois dun ano “convulso” segundo as súas propias palabras, Miguel Arias marchará unha tempada a EE.UU.

Tralo seu paso polo concurso musical “Recantos” de Luar (TVG), que non saíu segundo o esperado aínda que supuxo toda unha experiencia; e de rematar os estudos, o cantante natural de Arcos dará un xiro na súa vida. “Seguramente o Miguel que volva non será o mesmo que o que marcha e entón centrareime máis na composición e nos temas propios, sen deixar de lado as versións que sempre me gustaron”, asegura. Pero antes de marchar quixo dar un concerto no Teatro Lauro Olmo do Barco, un lugar moi querido para el, para dar as grazas a todos os que o apoiaron na súa aventura televisiva.

Miguel aseguraba que sería un concerto moi especial e non defraudou, presentándose ante o público como é el, sinxelo, sinceiro, romántico e agradecido. “É unha honra e un enorme pracer estar neste escenario tan querido para min, diante de todos vos” comezaba o concerto pasadas as nove da noite do 28 de abril.

Os dedos de Jesús Garcimartín acariciando as teclas do piano e a voz de Miguel terían bastado para cautivar ao público, pero neste concerto especial quixo rodearse de amigos que foi atesourando ao longo deste tempo, compartindo o escenario con Lara de Viveiro coa que intepretou Hoy tengo ganas de ti;  con Aneu que representa a Ourense Sur en “Recantos” para cantar No puedo vivir si no es contigo (versión española de Without you); e tamén con Jorge Álvarez que o acompañou á guitarra para intepretar temas como Entre mis recuerdos ou La chica de ayer.

En solitario tamén cantou temas en galego como Lela, cancións de Pablo Alborán como Recuérdame e mesmo lle adicou Mi marciana á súa avoa, presente no público como unha das súas principais fans, e tamén á todos “os que coma min teñen a sorte de contar na súa vida con xente que non é deste mundo”, dixo.

Dende aquí, desexámoslle a Miguel moita sorte na aventura americana que comezará en breve e coa que seguirá sumando experiencias.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button