SanidadeÚltima hora

Complétase o primeiro dos itinerarios do “Camiño de superación”, promovido pola AECC de Ourense

O obxectivo lanzar unha mensaxe de esperanza e superación do cancro a través do Camiño de Santiago e sensibilizar á poboación en xeral

Un total de 48 persoas en tratamento por cancro completaba este xoves 7 de novembro con éxito tres etapas do Camiño Portugués da Costa dentro do proxecto Camiño de superación. Os directores xerais de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, e de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, recibían aos peregrinos.

Esta é unha iniciativa impulsada pola Asociación Española Contra o Cancro (AECC) de Ourense que forma parte de O teu Xacobeo dentro das propostas sociais e inclusivas deste programa posto en marcha pola Xunta de Galicia co obxectivo de fomentar a participación de toda a sociedade na celebración do vindeiro Ano Santo.

O proxecto da AECC de Ourense está formada por tres itinerarios que teñen como obxectivo lanzar unha mensaxe de esperanza e superación da enfermidade a través do Camiño de Santiago e sensibilizar á poboación en xeral na importancia do diagnóstico precoz, a prevención e os coidados como piares fundamentais fronte á loita contra o cancro. A primeira destas rutas, que rematou hoxe baixo o lema Unha ruta ao alcance de todas e todos, é o máis sinxelo dos tres ao contar con etapas de menos de 11 quilómetros e estaba dirixido a pacientes en tratamento por cancro que partiron o pasado 5 de novembro desde A Garda.

Tras completar con éxito este trazado, o seguinte Camiño de superación chegará en marzo de 2020 ata o Camiño Francés, onde, baixo o lema Exportando optimismo, poderán participar persoas doutras comunidades autónomas, así como de Italia e Portugal. A última acción desenvolverase no mes de abril e está pensada para persoas en avanzado proceso de recuperación. Este itinerario, que levará o lema de Contaxiando o ánimo, discorrerá pola Vía da Prata.

Ademais de Anxo M. Lorenzo e de Ildefonso de la Campa, na recepción desta maña tamén estiveron presente os presidentes das asociacións españolas contra o cancro de Ourense, María Isidora Gómez, e de Santiago, Francisco Pais, así como os cinco monitores e a enfermeira que acompañaron aos camiñantes.

Camiño de superación forma parte dos preto de 180 proxectos impulsados por entidades sen ánimo de lucro que abranguen distintas áreas e que poñen o foco na dimensión social ao contemplar iniciativas relacionadas coa defensa dos dereitos humanos ou vinculados a colectivos vulnerables.

 

Artigos relacionados

Back to top button