Eleccións Xerais 26-XÚltima hora

“As comunicacións son fundamentais e niso imos seguir traballando”

Miguel Ángel Viso, cabeza de lista do PP por Ourense ao Congreso dos Deputados
Miguel Ángel Viso, número un do PP ao Congreso por Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.
Miguel Ángel Viso, número un do PP ao Congreso por Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Debutaba na política nas pasadas eleccións xerais do 20 de decembro, nas que lograba escano no Congreso dos Deputados. Seis meses despois, Miguel Ángel Viso, volve encabezar a lista do PP por Ourense ao Congreso. Valora de xeito moi positivo a súa “breve pero intensa” experiencia como parlamentario, pero tamén con certa “tristeza por non terse acadado un acordo que levara consigo o goberno. Vémonos agora nunha nova etapa e nunha nova campaña”. Así o recoñecía na entrevista que o Periódico O Sil lle facía xustamente no inicio da campaña electoral do 26X, que o PP ourensán arrancaba con actos en Valdeorras o 10 de xuño.

¿Como comeza as súas segundas eleccións como candidato do PP pola provincia ao Congreso?
Saimos coa mesma ou máis ilusión. O PP é un partido que sae a ganar as eleccións. Ogallá os resultados sexan os óptimos como para gobernar, pero sabemos que ao final ten que haber un pacto, un acordo. Teño clarísimo que o PP é o partido que realmente pode solucionar os problemas que ten o país.

Ourense é unha provincia de interior e onde o rural ten moito peso. É un rural ademais avellentado e cun marcado despoboamento, ¿que medidas plantexa o seu partido para afrontar esta situación?
O feito de que pensaran en min para encabezar a lista é porque pensaban no rural de Ourense. Eu son do pobo de Arnoia, veño do rural e traballo nese entorno, o meu ADN é rural. O PP ten claro que o rural é importante. Nel hai un problema de despoboamento polo envellecemento e porque a xente marchaba porque non podía vivir nel, pero os últimos datos que temos son esperanzadores. Vemos que o sector primario está creando máis emprego nos últimos anos na provincia de Ourense. Está asemade a cuestión, que o PP ten clara, da defensa das denominacións de orixe, das IXPs, dos produtos de calidade a través dos diferentes convenios. Tamén se vai seguir apoiando moitísimo a internacionalización dos nosos produtos, vanse seguir facendo plans de mellora, incorporacións… hai unhas partidas económicas para eses temas. Agora vemos que vai haber beneficios fiscais para os novos autónomos, crear estas pequenas empresas é moi importante porque fan que se dinamice o rural e que a xente se quede nel.

Miguel Ángel Viso, nun dos momentos da entrevista co Periódico O Sil./ Foto: Carlos G. Hervella.
Miguel Ángel Viso, nun dos momentos da entrevista co Periódico O Sil./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Sen embargo parece que se está abrindo un escenario futuro que pode afectar ás denominacións de orixe, por exemplo vitivinícolas, algo moi importante para unha provincia como Ourense onde están catro das cinco existentes en Galicia…

Non cabe dúbida de que imos seguir defendendo o mundo das denominacións de orixe, iso é fundamental. Nós se temos unha riqueza en Ourense son esas catro denominacións de orixe que identifican catro zonas perfectamente, falamos de viño por suposto, pero nun lado falamos dun Ribeiro, de Valdeorras, de Monterrei e de Ribeira Sacra. Son catro produtos ligados ao territorio, algo moi importante, xa que dese xeito tamén os ligaremos ao turismo. E iso é algo debe entender a xente e os partidos. Hoxe nós non podemos loitar en produción, temos que loitar en calidade, e en calidade ligada ao territorio. E non é o mesmo ir vender unha botella de viño a Madrid, que que unha persoa de Madrid veña aquí e vexa onde se fai a botella do viño. O concepto despois é totalmente distinto. En España as denominacións de orixe son unha fonte económica fundamental, somos o primeiro produtor de viño do mundo e iso é algo que nos xera riqueza como produtores, pero tamén como turismo. En Ourense o turismo termal é unha realidade que debe ir acompañada do turismo enolóxico, do turismo gastronómico, do cultural, do turismo verde… e iso témolo en Ourense.

O turismo está tamén moi relacionado coas comunicacións, ¿cal é a postura do PP con respecto á autovía A-76 (Ponferrada-Ourense)?
Seguiremos apoiando as comunicacións, as autovías. Estamos aquí en Valdeorras e temos que falar da A-76 porque na miña experiencia nestes meses Congreso unha das actuacións foi defender e instar ao goberno a que siga traballando na A-76. Eu vivín e escoitei cousas que me preocupaban. Había outros partidos que dicían que o que fan as autovías é separar aos pobos, ou que supoñen un impacto ambiental difícil de recuperar. As comunicacións son fundamentais e niso imos seguir traballando. E outro tema que seguiremos apoiando, aínda que vemos que hai outros partidos que non o teñen claro, é a chegada do AVE a Ourense. Con el vai haber un antes e un despois na provincia. Temos que prepararnos para a chegada dese AVE por todo iso que falamos de desenvolvemento empresarial, da pequena empresa, do desenvolvemento económico no rural.

 

MIguel Ángel Viso entraba na política nas pasadas eleccións do 20 de decembro, nas que resultaba elixido como deputado no Congreso./ Foto: Carlos G. Hervella.
MIguel Ángel Viso entraba na política nas pasadas eleccións do 20 de decembro, nas que resultaba elixido como deputado no Congreso./ Foto: Carlos G. Hervella.

¿Como enfocan o futuro do sector da lousa, de gran peso na economía provincial e galega?
A internacionalización nese sector é unha realidade e debe seguir así. Ás veces escóitanse expresións moi duras sobre este sector, pero é un produto do cal depende o ámbito empresarial e a economía de aquí e temos que seguir traballando nel e apoiándoo, o PP teno clarísimo.

¿Como plantexan esta campaña electoral?
Estamos ilusionadísimos e con moitas ganas. Contamos cun gran partido con proxecto e con persoas e cos nosos líderes que nos visitan, tanto autonómicos como nacionais. Hai que ir xa a falar de territorio, sen embargo os plans de viaxes dos próximos días de moitos líderes nacionais non están aquí. Vímolo con Rivera nas pasadas eleccións e verémolo tamén agora. E o mesmo no caso de Podemos. Iso xa é unha mensaxe, nós contaremos con varios ministros, xa tivemos ao presidente… Temos unha realidade e iso hai que destacalo.

Artigos relacionados

Back to top button