ConcellosÚltima horaViana do Bolo

Comunicado do Concello de Viana sobre a adquisición dun tractor coas súas rozadoras

Exterior da Casa do Concello de Viana do Bolo.

 

Dende o Concello de Viana do Bolo vén de emitirse un comunicado de prensa relativo á recente adquisición dun tractor coas súas rozadoras. No texto o alcalde vianés, Abelardo Carballo, sinala que o Concello de Viana do Bolo, “conxuntamente con outros concellos da provincia, asinou un convenio coa Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, no que ambos organismos, subvencionaban ao 50% a compra de toda esta maquinaria. Nese convenio acordábase tamén, que o Concello de Viana do Bolo, asumía o custo do Imposto sobre o Valor Engadido, desa compra e que as bases do concurso para a licitación desta maquinaria, foron realizadas polos técnicos da Deputación de Ourense”.

No convenio tamén se determinaba, segundo o rexedor vianés, “que os Pregos de Condicións Administrativas e Técnicas necesarios para esa licitación, foron confeccionados polos técnicos nomeados pola Deputación de Ourense, do mesmo xeito que se fixo nos outros concellos, nos que se licitou ou se está licitando idéntica maquinaria. Tras a apertura dos sobres, coas distintas ofertas, foron estes técnicos designados pola Deputación de Ourense, os que as cualificaron e valoraron. Do mesmo xeito que tamén se fixo ou se vai a facer, nos restantes Concellos”.

A esa licitación, presentáronse tres empresas e con tres marcas de tractores diferentes, segundo o alcalde vianés, quen tamén matiza que “non existe ningunha relación familiar con ningunha destas tres empresas, nin por parte do alcalde nin por parte de membro algún da corporación”.

No comunicado tamén se indica que, “unha vez recibidos os resultados desa cualificación, achegados por estes técnicos da Deputación, comprobouse que o tractor presentado por unha empresa de Pontevedra, era con diferenza a mellor valorada e que correspondía a un tractor da marca Kubota, acompañado con dúas rozadoras doutras marcas. Por tanto, desexo deixar moi claro, que a compra dese tractor foi adxudicada a unha empresa da provincia de Pontevedra, cuxa razón social e dirección, poden ser comprobadas no expediente da devandita licitación. Tamén desexo manifestar, que toda a documentación correspondente a esta Adquisición, está nas oficinas do Concello, ao dispor de todos os veciños e veciñas de Viana do Bolo”, asegura o alcalde vianés.

Artigos relacionados

Back to top button