En portadaÚltima hora

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Portela e O Trigal denuncia a situación que están vivindo con empresas da lousa

A xunta directiva asegura que hai tres pizarreiras que se negan a pagar o arrendamento para traballar e pasar polos seus terreos
Un momento da rolda de prensa no Pazo do Castro, no Barco. /Foto: Carlos G. Hervella.

Moi complicada é a situación que se está vivindo no Castañeiro, unha zona pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Portela e O Trigal (Carballeda de Valdeorras), entre a propia comunidade, propietaria dos terreos, e varias empresas do sector da lousa que realizan nela a súa actividade e que segundo os afectados, néganse a pagar o arrendamento que por lei lles corresponde.

Para dar a coñecer a problemática, na tarde do 3 de abril,  a xunta directiva da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Portela e O Trigal (o presidente, José Antonio Valle Vidal; o secretario, Odilo Fernández; o vogal Eloy Domínguez) e o letrado e asesor, José Antonio Iglesias, daban unha rolda de prensa no Pazo do Castro (O Barco). Alí, explicaron que son tres as empresas coas que manteñen unha guerra aberta. “Ata agora a relación era bastante asequible, sabían que tiñan que contar co consentimento dos titulares, neste caso a xunta rectora da comunidade e a asemblea xeral e había contratos de arrendamento e acordos para poder seguir extraendo a lousa. Foi máis ou menos pacífico ata agora que parece que a crise rompeulles os esquemas e pensan que todo é deles e poden pasar, explotar e facer o que queren sen contar para nada coas comunidades propietarias dos terreos e atopámonos con que despois de 15-20 anos pagando pola explotación segundo o contrato estipulado, agora dicen que non pagan. Veñen a dicir que o monte é deles e non teñen nada que contar cos veciños”, explica José Antonio Iglesias.

 

Eloy Domínguez, vogal; José Antonio Valle, presidente; Odilo Fernández, secretario; e José Antonio Iglesias, letrado e asesor. /Foto: Carlos G. Hervella.

A xunta directiva  asegura que “a comunidade de montes e os veciños non se opoñen para a nada a que se traballe na zona, e que se manteñan os postos de traballo porque parece que alguen está tratando de manipular os feitos dicindo que os veciños queren que se perdan postos de traballo, destruír empresas, e nada máis lonxe da realidade senón que o único que queren é defender o que é deles: os montes veciñais en man común”. A pasividade e negativa das empresas en cuestión (Emeritasa, Intradima, Irosa e  Samaca) a pagar o arrendamento que deben aos propietarios dos terreos, motivou que os veciños levasen a cabo unha serie de actos para impedir o paso a través dos seus terreos a aquelas persoas que non contan con autorización ou non teñen acordos puntuais para pasar por eles. “Parte das explotacións están en Casoio e parte nos montes de Portela e Trigal. Algúns páganlle a Casoio pero non a Portela e Trigal pero a saída de todos para a OU 122 téñena polos terreos dos veciños de Portela e Trigal. Se queren explotar no seu terreo teñen que alquilalo e se queren pasar tamén, é a forma que temos de facer presión”, aseguran e por iso lles cortan o paso con cadeas que polas noites aparecen cortadas e retiradas, chegando a provocar tamén enfrontamentos entre as empresas, porque hai outras que si pagan honradamente”, din.

Esta situación complicouse aínda máis pola intervención da alcaldesa de Carballeda de Valdeorras que “manifestou e pulicou incluso algunha resolución dicindo que as pistas que están dentro dos montes en man común, en concreto por onde acceden a algunha destas explotacións, teñen a consideración de camiño público e como tal ela autoriza e deixa pasar a quen queira por alí e ninguén ten nada que reclamar, e iso no pode facelo porque non é público,  e da comunidade e a titularidade deses terreos, dende a súa clasificación como tal, en 1977, é dos veciños dos núcleos en cuestión e son eles os que teñen que xestionar e tomar as decisións sobre o que se vai realizar neles”, explica o letrado engadindo que teñen unhas características especiais “son montes indivisibles e non se poden vender nin comprar, nin adquirir por prescrición, aínda que si expropiados por un motido de intereses público, pola Administración”.

 

Os membros da xunta directica da Comunidade de Montes en Man Común de Portela e O Trigal, con letrado./Foto: Carlos G. Hervella.

Levan xa tempo con este problema e no caso concreto de Irosa e Samaca (tamén Pizarras Trevinca que hoxe pertence a Irosa), tiveron contrato ata finais de 2014 e á hora de facer o novo (o máximo son 11 anos por lei) “foi cando nin queren saber nada de nós, nin nos pagan” polo que abriron un procedemento xudicial para o seu desaucio. “Promóvense dous procedementos o ano pasado e foise ao Xulgado. Dictáronse as sentencias favorables para o pobo e din que o contrato está terminado e as empresas teñen que marchar. Recurriron, evidentemente, e estamos pendentes de que se resolva o recurso pola Audiencia Provincial de Ourense. A vista está sinalada para o 18 de abril no Barco”, explica Jose Antonio Iglesias.

Aínda así a situación non mellora e dende a a Comunidade de Monte aseguran que non pretenden que as empresas deixen de traballar xa que o 80-90% dos veciños traballan e viven do sector e “se cortamos o traballo non nos van pagar, iso é evidente, e ninguén quere que deixen o traballo, pero si que o fagan con certa medida, non pretender que isto sexa como a selva na que poden facer o que queren”. O seu desexo é que “se senten a negociar, alguén alleo ao conflito, por suposto. Levamos tempo pedíndoo porque non queremos tumbar a pizarra, vivimos disto pero teñen que tomar medidas e ter permisos”. “No estamos en contra de ninguén pero hai xente que pensa que seguimos na Idade Media con capacidade para pasar por riba de quen sexa e iso non pode ser”, engaden, asegurando que hai en macha un proxecto para crear unha especie de federacion de comunidade de montes “para estar unidos e ter máis forza e uns criterios comúns, para defender mellor os seus intereses. Só pedimos o que nos corresponde”.

 

O avogado José Antonio Iglesias, durante a súa intervención. /Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button