OurenseÚltima hora

As concas española e portuguesa do Miño e do Limia únense para paliar os efectos do cambio climático nos ríos

O proxecto chámase RISC Miño-Limia e conta cun orzamento de máis de dous millóns de euros financiados ao 75% con fondos europeos
O proxecto está liderado pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. // Foto: Carlos Asensio.

A Vicerreitoría do Campus de Ourense acolleu hoxe, 14 de xullo, a xuntanza para constituír o Comité de Xestión do proxecto europeo Poctep “Risc Miño-Limia” a través do cal vaise investir “en coñecemento”, dixo o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Marín, no inicio desta xuntanza.

Este proxecto, financiado polo Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg V-A España-Portugal, ten como obxectivo deseñar varias medidas para mitigar os efectos extremos derivados do cambio climático “como as inundacións ou as secas”, dixo Marín na súa intervención. Tamén explicou que farán estudos cartográficos dos ríos “porque coñecéndoos, poderemos estudalos mellor”; tamén realizarán estudos dos efectos que eses fenómenos extremos pode ter “aguas abaixo” en núcleos urbanos.

Por outra parte, explicou Francisco Marín, establecerase un novo sistema de alerta temperá que permita avaliar a perigosidade e o risco real da inundación na demarcación, “mediante modelos hidrometeorolóxicos, hidrolóxicos e hidráulicos”. E tamén poderán coñecer a futura evolución da distribución, a longo prazo, dos recursos hídricos de cada demarcación, “atendendo ao efecto do cambio climático”.

A entidade encargada de liderar este proxecto é a CHMS, que conta cun financiamento que supera os dous millóns de euros -dos cales a UE financia o 75%, e os socios son o seu homólogo portugués ARH Norte, da Agência Portuguesa do Ambiente; a Faculdade de Engenharia da Universidade de Porto e a Universidade de Vigo. Por este motivo, a esta xuntanza de constitución do Comité acudiron tanto Francisco Marín, presidente da CHMS, como o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez; o director da ARH Norte da Agência Portuguesa do Ambiente, José Carlos Pimenta e o vicepresidente do Conselho Científico da Faculdade de Engenharia da Universidade do Porto, Antonio Mendes.

Transmisión de coñecemento

Os presidentes deste novo comité amosaron a súa satisfacción por este proxecto. Non só polos resultados que dará a longo prazo senón pola transmisión e xeración de coñecemento que fará. Tanto o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez, coma o vicepresidente do Conselho Científico da Faculdade de Engenharia da Universidade de Porto, Jose Carlos Pimenta, aseguraron que esta será unha oportunidade moi grande para que os alumnos de ambos centros superiores.

Nese senso, Virxilio Rodríguez lembrou como este proxecto se enmarca dentro da especialización do campus ourensán como “Campus da Auga” e amosouse “convencido de que con este proxecto obteremos uns froitos dos que se beneficiarán todos os cidadáns da Eurorrexión”. Asemade, reiteraron que favorecerase ao intercambio de investigadores, a pesar de que ambas as dúas universidades xa manteñen relacións bilaterais e de intercambio de alumnado moi boas.

Unhas declaracións que avalou o seu colega Jose Carlos Pimenta en ton de retranca: “A universidade de Vigo está máis próxima a nós ca de Lisboa, por iso temos mellor relación”.

As universidades de Vigo e Porto colaborarán na investigación. // Foto: Carlos Asensio.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button