ConcellosDeportesEn portadaÚltima hora

O Concello e a AC RíoMola iniciarán unha campaña para que “La Vuelta” 2018 pase por San Xoán de Río

O mércores 5 de setembro desputarase a undécima etapa da ronda española entre Mombuey e Luintra (Ribeira Sacra)
Pelotón de “La Vuelta” nunha das etapas pola provincia de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

A de 2016 foi unha das edicións da volta ciclista a España máis galega, con varias etapas centradas na provincia de Ourense, e despois da do 2017 na que non chegou á comunidade, neste ano 2018 a ronda española regresa a terras ourensás. Concretamente será o mércores 5 de setembro, coa desputa da úndecima etapa entre Mombuey e Luintra (Ribeira Sacra), a etapa máis longa desta edición.

San Xoán de Río quere formar parte dos concellos que se beneficiarán do retorno económico pola audiencia e publicidade que ten este evento (a edición do 2016 supuxo un investimento de 200.000 euros e un retorno económico directo de 2.000.000) polo que de forma conxunta coa Asociación Cultural RíoMola “solicitará unha modificación do trazado de 4 quilómetros, sen afectar ao desenvolvemento da proba, para que pase pola localidade”.

Tal como explican dende o concello ourensán a 11ª etapa de “La Vuelta” a España disputarase entre Mombuey e  Luintra, a chamada etapa da Ribeira Sacra, cun percorrido aínda por pechar e A Pobra de Trives e Castro Caldelas entre as localidades de paso xa confirmadas. “A primeira proposta do aragonés Fernando Escartín, asesor técnico da proba ciclista, é percorrer os 22 quilómetros entre ambas localidades pola OU-536 (Estrada de Trives a Ourense) e dende o Concello de San Xoán de Río e a AC RíoMola solicitaremos a todos os axentes implicados unha modificación do trazado, substituíndo 3 quilómetros da estrada OU-536 (tramo Guístolas-Cerdeira) por 4 quilómetros da OU-706 (Estrada de Trives a San Xoán de Río dende Guístolas) e 3 quilómetros da OU-705 (Estrada de San Xoán de Río a Castro Caldelas ata Cerdeira)”. Con esta modificación, “a volta ciclista tralo paso por Trives, a chegada a Guístolas, modificaría a ruta pasando polo Reboledo, Mouruás, Domecelle e polo centro de San Xoán de Río para regresar á OU-536 en Cerdeira e seguir dirección a Castro Caldelas pola ruta establecida. O perfil da etapa seguiría sendo o mesmo tralo cambio e os habitantes de San Xoán de Río desfrutarían tanto do paso dos ciclistas como da caravana publicitaria”.

Con esta idea en mente, nos vindeiros días o Concello de San Xoán de Río e a Asociación Cultural RíoMola iniciarán unha campaña para a modificación do trazado que terá como destinatarios, por unha banda á Deputación e á Xunta (entidades que financian esta etapa) e por outra parte a Fernando Escartín, asesor técnico da organización e Javier Guillén, director de la Vuelta a España. “En caso de aceptar o cambio, o concello centrará varias das súas actividades do mes de agosto no evento deportivo e ofrecerá voluntarios, tanto para a organización da etapa como para a súa difusión pola zona”, explican dende a AC RíoMola.

Artigos relacionados

Back to top button