ConcellosÚltima hora

O Concello do Barco pide aos propietarios de edificacións inacabadas que as rematen

Vén notificarlles, a través de carta, que deben cumprir coa lei e daráselles un tempo para que acaben as construcións antes de iniciar expedientes administrativos que levarían a sancións

 

Preto de 60 escritos saían nesta semana dende o Concello do Barco dirixidos a propietarios de edificacións inacabadas situadas neste termo municipal. Neles informabáselles da necesidade de cumprir a Lei do Solo de Galicia sobre a obriga dos propietarios de rematar as construcións para cuxa execución obtiveron licenza.

“Nunha primeira revisión feita pola policía municipal, constatouse a existencia de preto de 80 edificacións sen rematar, e que polo tanto incumpren claramente a normativa mencionada. Nos últimos días notificouse a situación aos propietarios identificados, en breve, remitiranse aos donos de outra veintena de edificacións dos que aínda non se teñen todos os datos. En todos os casos, lémbrase que, co fin de cumprir coa lei –que ten como obxectivo lograr unha importante mellora colectiva da nosa paisaxe edificada- deben proceder á realización dos traballos adecuados para terminar a edificación”, tal e como se indica dende o Concello do Barco.

Neste senso, dende a Administración local recoméndase aos donos dos edificos que “acudan ao Servizo de Obras e Urbanismo do Concello do Barco (no primeiro andar do Edificio Multiusos), onde lle informarán sobre os trámites que debe seguir para o cumprimento da normativa. Non últimos días xa foron máis de 20 os donos de edificacións que recibiron información neste departamento sobre o tema, e a maior parte deles xa mostraron a súa disposición de iniciar os trámites para a realización dos traballos”.

O Concello quere mellorar o aspecto das nosas rúas e pobos, “e para elo é fundamental que as construcións garden o ornato debido e, ademais, fomentar o cumprimento desta lei de xeito voluntario, para o que se concederá un período de tempo transitorio, antes de iniciar expedientes administrativos, que levarían á imposición de multas que ninguén desexa”, aseguran dende a Administración local barquense.

Artigos relacionados

Back to top button