EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

O Concello da Veiga consolídase como punto de encontro astronómico

Medio cento de expertos e afeccionados asisten ás IV Xornadas de Astroturismo, Astrotrevinca 2017

A enerxía escura, os eclipses ou a contaminación lumínica, son algúns dos temas sobre os que xiran a IV edición de Astrotrevinca, unhas xornadas de astroturismo que buscan poñer en valor o ceo a a paisaxe do Concello da Veiga, máis concretamente dos montes de Trevinca.

A actividade, que conta con medio cento de inscritos (expertos e afeccionados á astronomía de diferentes puntos de Galicia, Madrid e León) comezaba na noite do venres 22 de setembro cunha observación dende o Mirador Astronómico de As Tablillas, pero non foi ata a mañá do sábado día 23, cando se inauguraban oficialmente, no salón de actos do Toural. No acto de apertura, o director de Astrotrevinca, Óscar Blanco, asegurou que “temos que poñer á Veiga máis arriba, como un punto de referencia da astronomía, non só en Galicia senón támen fóra porque se dan as condicións para que neste lugar poda fomentarse este tema”.

O alcalde da Veiga, Juan Anta, pola súa banda, deu a benvida aos asistentes ao “teito de Galicia, un dos mellores ceos do mundo”, explicando que non foi doado convencer á xente de que o turismo astronómico podía ser non só unha das referencias a nivel provincial ou atonómico senón nacional, “explicarlles que podiamos vivir disto cando para eles o ceo sempre estivo aí e a única vez que miraban para el era cando nevaba ou chovía”, dixo. Agora, coas xornadas de Astrotrevinca xa consolidadas, Anta segue mantendo que “cremos neste turismo porque vos credes nel e sodes os mellores comunicadores. Sen vos isto non será unha referencia a nivel nacional que é o que queremos e esiximos ás Administracións porque cremos que é o que merecemos”. O acalde lembrou que nos últimos anos fixeron dous miradores e “faremos un máis”, dando as grazas aos organizadores, Óscar Blanco e Pablo Canedo “porque sempre están aí para o que necesitamos e sen eles nada disto sería posible”.

Con respecto ás conferencias desta edición son do máis variado e comezaron da man de Ramón Iglesias Marzoa (CEFCA-Centro de Estudios de Física del Cosmos de Aragón), que falou do proxecto do que forma parte sobre o estudo da enerxía escura no Observatorio Astrofísico de Javalambre en Teruel, o máis moderno de España. Dun xeito ameno e entretido, Iglesias Marzoa comezou facendo un pouco de historia sobre a orixe do termo “materia escura”  (masa do universo que  non se vei) e acabou explicando o obxectivo do observatorio no que traballa: medir 200 millóns de galaxias nun tempo razoabale (7 anos) para obter información sobre a “enerxía escura” para o cal contan cunhas infraestruturas e material de primeiro nivel. “As galaxias máis afastadas móvense a maior velocidade do previsto por iso se sabe que ten que haber algo que se chama enerxía escura pero que realmente non se sabe que é”, dixo a modo de conclusión.

A segunda conferencia da mañá, da man de Óscar Blanco, xirou en torno aos eclipses, dende o último que observaron recentemente dende EE.UU. ata o último total de sol da Península Ibérica que se pudo ver dende A Veiga en 1912.

A xornada continúa pola tarde, cunha coferencia sobre o clima e o tempo. “Non é un tema moi astronómico, pero si interesante porque é falar da atmósfera da Terra e por tanto dun planeta do Sistema Solar, o máis importante”, dixo Blanco. O conferenciante será Xavier Fonseca, e de seguido tocaralle o turno a Salvador Bará (USC) que falará “sobre a contaminación lumínica, o principal problema que teñen os afeccionados á astronomía, e como protexer os ceos escuros dela. “Contra as nubes non podemos facer nada pero contra a contaminación si”, explicou o director de Astrotrevinca, o encargado da última charla que máis ven será un visionado de postais e imaxes “e contar experiencias sobre distintos ceos do mundo”.

Esta edición de Astrotrevinca inclúe ademais outras dúas observacións: a segunda nocturna esta noite; e unha solar con telescopio H-Alfa.

Fotos: Mónica G. Bellver.

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button