DeportesÚltima hora

Concello e COB únense para promocionar a cidade de Ourense

“Márcate un triple en Ourense” é a nova campaña posta en marcha dende a concellería de Turismo
Flyer promocional da campaña turística.

Co obxectivo de promocionar a cidade de Ourense como destino turístico en toda España, a concellería de Turismo pon en marcha a campaña “Márcate un triple en Ourense” coa que, a través do Club Ourense Baloncesto posicionará a capital da provincia como un destino turístico ideal entre o público seguidor do baloncesto nacional, convidándoos a desfrutar do deporte, dos espazos termais e da gastronomía, xunto con recursos como o patrimonio, a oferta cultural ou a paisaxe.

A campaña “convida a experimentar a fermosa sorpresa que Ourense supón para o visitante e persegue divulgar o potencial de Ourense entre un público segmentado: os afeccionados ao deporte, neste caso o baloncesto”, explican dende o Concello, e para iso utilizan como embaixador ao COB, o equipo que compite na liga nacional leb ouro, segunda categoría do baloncesto español, xunto a cidades de superior ou similar poboación (Burgos, Huesca, Vitoria, Oviedo, A Coruña ou Lugo entre outras) que mobilizan nos seus partidos milleiros de espectadores.

Segundo a proposta da campaña, en cada partido que Ourense dispute ata final de tempada fóra da casa, o COB divulgará os recursos turísticos da cidade cun expositor emprazado no propio pavillón onde se xogue o partido, coa recreación dunha vista panorámica das Termas do Muiño, e nel se poderá visionar un vídeo promocional de Ourense e se distribuirán dípticos que convidan a “marcarse un triple” na cidade. A campaña inclúe tamén concursos, accións en redes sociais, e o rotulado da traseira do propio autobús do equipo ourensán.

 

Outra das imaxes promocionais da campaña “Márcate un triple en Ourense”.

As accións promocionais inclúen inicialmente cinco partidos en Marín, Vitoria, Logroño, Cáceres e Lleida, e poderánse ampliar en caso de que o equipo se clasifique para os play off. Segundo os datos que baralla a concellería de Turismo de Ourense, os cinco equipos suman case 7.000 socios e 9.950 espectadores de media nos seus partidos: Marín 1.200, Vitoria 1.400, La Rioja 1.750. Cáceres 1.600, Lleida 2.500. A tal efecto editou 6.000 dípiticos que se reparten no propio stand. Os visitantes poderán gañar unha estancia para dúas persoas durante unha fin de semana con entradas para a estación termal de Outariz.

A campaña apóiase tamén en concursos e nas redes sociais. O visitante terá que achegarse ao stand, sacarse unha foto e compartila en Facebook co hashtag #tripleenourense, comentando no texto que é o que lle resulta máis atractivo da nosa cidade, ademais de seguir a fanpage capitaltermal. O nome da persoa gañadora publicarase o día 5 de maio no Facebook Ourense Capital Termal.

O autobús no que se traslada o equipo para xogar os partidos tamén será soporte promocional da campaña, xa que na súa traseira loce xa a imaxe da campaña “Márcate un triple en Ourense”, nunha composición de 2250 x 3270 cm, na que dous dos xogadores máis populares do equipo: Dimitry Flis e Christian Díaz, posan nas Termas de Outariz.

 

Artigos relacionados

Back to top button